A Sarriana levanta a Copa
Un único gol de Xabier Valiña deulle o título ao equipo branco o sábado na Cheda
Copa Deputación Xuvenil
A final da Copa Deputación xuvenil, disputada o sábado na Cheda, saldouse cun axustado triunfo da Sarriana por 0-1 ante un San Roque que quedou ás portas do empate. Os de Lugo propuxeron unha presión alta que custou perdas de balón aos de Sarria, que foron medrando pouco a pouco e tras un aviso claro no 0-0, Xabier Valiña logrou o 0-1 tras un pase de Adrián. Boyan tivo o 0-2 nun man a man que rematou sen éxito. O San Roque, que con Martín, central, de porteiro por falta de efectivos, buscaba xerar perigo nos centros. A pesar disto, o marcador non se moveu antes do descanso.
Despois do paso polos vestiarios o duelo seguiu cun guión aberto. A Sarriana saíu ben, xogando en campo contrario, pero acusou as lesións e os locais asumiron máis protagonismo ofensivo. O San Roque rozou o empate ata en tres ocasións, cun par de lanzamentos ao pau e algunha intervención de mérito de Hugo, o gardameta branco. O tramo final foi de moita tensión, pero o marcador non se moveu e a Sarriana puido celebrar o título.
SAN ROQUE 0 - 1 SARRIANA
SD Sarriana: Hugo, Pablo N, Luis, Nicolás, Xabier, Pablo V, Adrián, Ronald, Sergio, Fiz e Boyan S. Tamén xogaron Uxío, Samuel e Gonzalo.
Gol: Xabier para a Sarriana.
Árbitro: Brais Piñeiro Lozano.
Final
| San Roque | 0 | 1 | Sarriana |