O sector cárnico, en alerta polo descenso da produción
O sector cárnico en Galicia atópase en estado de alerta polo descenso da produción de Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema. En 2022, iniciouse un "período descendente", posto que, por primeira vez, baixou a produción dos animais con respecto ao ano anterior, con arredor de 102.000 becerros aportados ao mercado.
Así o explicou José Ramón González, responsable do sector extensivo de Unións Agrarias, nunha rolda de prensa celebrada en Lugo, onde tamén puxo de relevo outros datos preocupantes para o sector. "Durante o 2022, a Ternera Gallega Suprema era sacrificada con 8,8 meses, pero agora a idade aumentou a 9 meses. É o primeiro ano onde no mes de xullo aumenta a idade de sacrificio", indicou, destacando así o descenso na demanda de becerros nunha tempada onde os consumidores solicitaban moito produto.
Na comparecencia enfatizouse o grave problema estrutural que afecta o sector cárnico en toda a comunidade. González sinalou a necesidade de "realizar un cambio e desenvolver un plan de comercialización" para reverter a situación do mercado a medio e longo prazo.
De forma enfática, demandou que a carne coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) teña un prezo digno en Galicia, pois "en Barcelona, Valencia ou Zaragoza están dispostos a pagar o triple por ela".
Félix Porto, responsable de área externa do sindicato, criticou á Xunta e á Consellería de Medio Rural pola falta de axudas para os produtores de carne. "Non puxeron nin un só céntimo", expuxo de forma contundente.
Unións Agrarias considera esencial adoptar medidas e realizar unha campaña de publicidade e promoción na que as empresas se involucren activamente para dar a coñecer o produto aos consumidores.
A provincia de Lugo destaca como unha rexión de especial relevancia na produción de Ternera Gallega e Suprema. Concretamente, o 70,11% das explotacións gandeiras e o 34,66% das industrias cárnicas atópanse en territorio lucense. Ademais, dos 142.223 tenreiros rexistrados, o 60% está en Lugo, ao igual que o 36,06% dos canais certificados.
