Unións Agrarias esixe a recollida do leite na comarca da Montaña lucense

O sindicato pide ás administracións que actúen ante as presións que están a sufrir as explotacións da zona, no que consideran unha manobra da industria para baixar os prezos 
De esquerda a dereita, Óscar Pose, Félix Porto e Miguel Tomé. CARLOS CASTRO
De esquerda a dereita, Óscar Pose, Félix Porto e Miguel Tomé. CARLOS CASTRO

O sindicato Unións Agrarias-UPA convocou este luns unha rolda de prensa onde volveron alertar da delicada situación que sofren as ganderías máis pequenas da comarca da Montaña

O vindeiro 1 de agosto renóvanse os contratos entre gandeiros e empresas

Dende esta organización comentan que o que están a facer as empresas é alegar que non poden acceder a algunhas granxas da Montaña e esixir remodelacións nas instalacións como condición para pasar. "Como se lle vai pedir aos gandeiros que fagan unha investimento desa magnitude? É un estrangulamento", comentaba Porto. 

UU.AA. asegura que sinalarán as industrias responsables e que se mobilizarán se é necesario. "Sabemos que non vai quedar ningún litro de leite sen recoller, só son estratexias para pagar aínda menos", insistía Porto. Para o sindicato é un momento crucial, xa que o vindeiro 1 de agosto asínanse de novo os contratos entre gandeiros e empresas e é preciso que se arranxe esta complexa situación.

Piden ao goberno da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura que interveñan canto antes e que activen mecanismos para que esa recollida se poida efectuar. 

As ganderías ameazadas son de pequeno tamaño e están, de media, en mans de persoas maiores de 50 anos, o que complica calquera posibilidade de financiar unha reforma grande. En palabras do responsable do sector lácteo neste sindicato: "Só queren que sobrevivan as explotacións de gran tamaño, pero iso non é nin posible, nin necesario".

As ganderías pequenas aportan o 50% da produción total galega

A desaparición das ganderías pequenas é algo que preocupa enormemente aos responsables sindicais, pois supoñen o 50% da produción total galega. Pose quixo destacar que "cada ano desaparecen entre 300 e 400 explotacións na nosa comunidade".

Tomé insistiu na importancia que teñen estas granxas ao longo do territorio galego. "Non só cumpren un importante papel a nivel económico e social, senón que tamén teñen unha función ambiental", di. "Estas ganderías xeran riqueza, evitan o abandono rural e protexen o territorio de desastres coma os incendios", sentencia.

Comentarios