Así viviu a comarca de Chantada a Transición

O taboadés Alexandre Varela levou o premio Condado de Pallares por un estudo sobre como cambiaron as cousas desta época histórica nos tres concellos da comarca
Alexandre Varela, no instituto Río Cabe onde é mestre de Historia. A.RODIL
Alexandre Varela, no instituto Río Cabe onde é mestre de Historia. A.RODIL

O profesor de Historia Alexandre Varela Rubín (Taboada, 1998) foi o gañador da XIX edición do Certame de Investigación Condado de Pallares polo traballo 'Os anos de transición á democracia na comarca de Chantada (1973-1983)'. 

Alexandre Varela, que exerce no IES Río Cabe de Monforte, explica que o estudo premiado "foi en orixe un traballo Fin de Master que preparei no curso 2021- 2022" e suliña que abordou esa temática porque se trata "dun espazo temporal pouco estudado e do que me atraía dar un enfoque local, ver o que pasara nese tempo nos concellos da comarca de Chantada".

Para o Condado de Pallares ampliou o estudo con máis fontes documentais e engadiu testemuñas orais ."Fixen algunha entrevista máis e regresei ao arquivo histórico de Lugo no se incorporara algunha documentación nova".

Entre outras persoas, Varela, falou co que exconselleiro Víctor Portomeñe, co escritor e investigador Afonso Eiré, con militantes nacionalistas, socalistas, co alcalde de Carballedo (Julio Yebra, dos máis tempo leva no cargo) con concelleiros ou traballadores da cámara agraria. Pero "a testemuña máis especial foi a do meu avó, Idilio Varela, que agora ten 81 anos e que foi concelleiro ao final da ditadura".

As singularidades que atopou na comarca

Varela explica, que nesa época na comarca "repítese o patrón provincial co predominio das forzas de dereitas, UCD e Alianza Popular, pero tamén é certo que hai certas particularidades a nivel local".

Suliña que, en Taboada, "o último alcalde da ditadura dimitiu, pero quixo volver e presentouse ás eleccións".
En Chantada da conta "dunha relación tensa entre UCD e AP. A disputa polo poder viña marcada por moitos conflitos anteriores".

En Carballedo nestes anos "mantíñase o enfrontamento pola capitalidade municipal. Na Transición os partidos de dereitas apostaban pola Barrela e os socialistas por Castro. A división non se logrou pechar ata anos posteriores. De facto, a capital estaba na Barrela pero ninguén era quen de oficializalo".

As testemuñas vivas, parte moi relevante do estudo

 Comenta Alexandre Varela que na investigación o máis complexo foi chegar á información. "En todos os lugares me abriron as portas dos aquivos sen reparo ningún pero o tema é que non hai moita información neses propios arquivos. No caso de Carballedo houbo ademais varios incendios nos que ardeu documentación".

Suliña o autor que "as testemuñas teñen diversos relatos en función das propias vivencias e as súas afinidades. Unha persoa máis próxima a UCD ten un relato e outra ten outro. Pero ollo, isto non é para nada unha crítica. Todo o contrario, o meu cometido foi completar os datos coas testemuñas e ter o maior número de discursos posible. A historia nunca é ao cen por cen obxectiva, pero o meu reto foi dar a versión máis ampla e coral posible".

Outro dos propósitos foi o de non centralizar todo nas cuestións políticas e buscar un enfoque multidisciplinar, cousa que destacou o xurado. Esta época tamén foi de moitos cambios sociais e económicos.

"No socieconómico estabase producindo un cambio da forma de traballo do campesiño tradicional ao gandeiro profesional. En Chantada fíxeronse moitas mobilizacións e manifestacións, que non se facían na ditadura. Tamén aparece o abandono do medio rural que chega ata os nosos días. Medran moito as vilas en detrimento das aldeas".

Por último, desmonta un mito, "sempre se fala da Transición como unha época de moito diálogo político, pero a realidade é que en Galicia non había tanta diversidade política e non foi tan intenso".

Presentación, o día 28 no centro cultural de Taboada

O centro cultural de Taboada acollerá o vindeiro día 28 a entrega do premio, un lugar que coñece ben Alexandre coma veciño e coma concelleiro de Educación de Taboada co BNG. Asegura que ese día lle gustaría contar coa presenza da familia e dos amigos, pero tamén das testemuñas que recolle o traballo "porque isto foi posible grazas a eles".

Comentarios