Unións Agrarias vaticina perdas duns 90 millóns nas explotacións de leite

A organización denuncia a situación que vive o sector polo baixo prezo do produto e os altos custos de produción. A Terra Chá é a comarca que máis perdería, máis de 25 millóns de euros
Tomé e Porto durante a rolda de prensa deste venres en Lugo. DC
Tomé e Porto durante a rolda de prensa deste venres en Lugo. DC

Unións Agrarias denuncia que as explotacións leiteiras da provincia de Lugo sufrirán unha perda de ingresos de 89,2 millóns de euros este ano, como consecuencia das reiteradas baixadas de prezo impostas polas industrias lácteas. A redución das tarifas, que as granxas se viron na obriga de aceptar primeiro en abril e agora de novo, resultaría nunhas perdas de máis de 38.000 euros para cada unha das 2.344 granxas existentes na provincia lucense, segundo UU.AA.

Despois da renovación de contratos neste mes, o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 48 céntimos, case once por debaixo do que cobraban a comezos de ano. Estas rebaixas impostas polas industrias prodúcense "sen razón de mercado que as avale" e "á marxe da evolución dos custos dos materiais", o que obriga ás explotacións a cobrar por debaixo dos custos de produción.

Das perdas totais de 198 millóns de euros que afectarían ás gandarías leiteiras galegas neste 2023, preto de 90 millóns corresponderían a Lugo. Por comarcas, as perdas estimadas serían duns 26,7 millóns de euros para a Terra Chá, 21,2 para a contorna de Lugo, 11,7 para Sarria e 8,6 para Chantada, con menores pérdidas noutras zonas da provincia.

Así o explicaron nunha rolda de prensa en Lugo o secretario de coordinación sectorial e área externa de UniónsAgrarias, Félix Porto, e o responsable provincial da organización, Miguel Tomé.

"A industria ten que ser consciente de que, de seguir por este camiño, non vai haber gandeiros", expuxo Tomé, sinalando a baixada paulatina no número de explotacións na comunidade. "Cando unha granxa pecha, é moi complicado que volva abrir", recalcou. "Non existe negociación agraria. Só hai contratos de adhesión. É unha situación difícil e temos que buscar unha solución", afirmou Porto.

Perdas estimadas ata final de ano

Ademais, Unións Agrarias impulsará en setembro unha recollida de sinaturas co obxectivo de trasladar á opinión pública a situación e instar á Xunta a tomar medidas. A organización agrogandeira acusou a Capsa de aplicar tarifas diferentes aos gandeiros en función da súa localización, chegando a cobrar ata sete céntimos máis os gandeiros asturianos en comparación cos galegos. Pola súa parte, dende a empresa cualificaron estas declaracións como "falsas" e demandarán a UU.AA. ante os tribunais e a CNMC.

Comentarios