Por que tantos cans?
Queixámonos dos seus excrementos nas beirarrúas e do mal cheiro dos seus ouriños nas esquinas das casas. Queixámonos da descontrolada proliferación das mascotas caninas, das súas molestias e da inhumanidade daquelas persoas que os adoptan e, pola contra, abandonan a outras persoas da familia.
Mais poucos se preguntan o porqué desta tendencia dos últimos anos. Por que tantos cans e, ao mesmo tempo, tanta falta de compañía humana?
Se o pensades un pouquiño veredes que é porque os cans nos dan o que non nos dá a xente. Loitamos constantemente contra a dor da soidade e anhelamos unha compañía perpetua, infalible, que nos apoie e valore a nosa importancia como seres. Todos temos fallos e queremos que comprendan a nosa falibilidade, mais os seres humanos son críticos neste aspecto e adoitan pregoar os nosos pecados antes que desculpalos.
Queremos que os que nos queren nos acompañen, mais eles queren ter a súa propia vida e abandonan o noso fogar buscando futuros diversos. Cada persoa ten as súas propias rarezas e sentimos que non temos a obrigación de aturalas e limitar con elas a nosa liberdade.
Un can acéptate como es, cos teus inevitables fallos; un can non se vai, buscando independencia ou liberdade; un can arrímase a ti e aloumíñate coa súa lingua, sabe cando estás triste e acompaña a túa tristeza coa súa, incluso mantén a súa fidelidade ata a súa morte ou a túa; non se queixa, agárdate e non che reprocha a túa tardanza; é xeneroso e, aínda que non cumpras con el, sempre te recibe con alegría.
Os cans son o exemplo máis claro de apoio emocional e de fidelidade constante, dannos o que a maioría da xente non nos dá. Porque hai tantos cans connosco? Porque as persoas —incluso as máis achegadas— marchan ou impoñen o seu propio ego.