O control do poder
O exceso de poder conduce á loucura: probas hainas abundantes ao longo da historia.
Os antigos romanos sabían isto e durante séculos tentaron evitalo, renunciando a acumular poder nunha soa persoa e celebrando eleccións anuais, nas que se cambiaban os cónsules que gobernaban e se dividían as diversas facetas do goberno entre multitude de maxistrados: os pretores para a xustiza, os cuestores para as finanzas, os censores para o control da cidadanía... Nin sequera Xulio César, case omnipotente, aceptou o título de emperador —a cousa cambiou a partir de Octavio, o primeiro emperador—.
Conscientes, igualmente, deste terrible perigo, as democracias modernas, a partir da división de poderes, proposta por Montesquieu a partir da Ilustración, tentan protexerse contra o exceso de poder e a súa loucura mantendo independentes o poder executivo, o lexislativo e o xudicial.
Podemos observar, non obstante, que o poder, pouco a pouco, vaise reducindo a uns poucos —tres “maxistrados” ou poderes fronte á gran variedade de rexedores da antigüidade—, que están tamén máis tempo no poder —catro ou cinco anos, fronte ao ciclo electoral anual do pasado—.
Os tempos modernos déronlles a razón aos antigos romanos: o poder absoluto das monarquías —o poder acumulado por unha persoa— desbotouse por perigoso, mais, disfrazados de democracias, persisten poderosos imperios, formados por ducias dos antigos reinos, que personalizan o poder nun único líder. Rusia, China e Estados Unidos son os exemplos máis palpables: as decisións caprichosas dos que os gobernan cambian o destino do mundo enteiro.
E cando o poder é case absoluto e xente demente e sen escrúpulos o conquista, o mundo camiña cara ao desastre máis absoluto: non hai control, non hai futuro.