Fala galego
Nos meus anos mozos, aló polos anos 60 e 70 do século XX, o ensino impuña o castelán con man de ferro. O galego, no meu Lugo natal, subsistía na fala da xente "da aldea", como meu pai, que, vivindo na capital provincial, nunca abandonou a súa lingua nai.
Co paso dos anos e a miña dedicación profesional á docencia, traballei en concellos rurais, onde o idioma galego non era só maioritario, senón definitorio, idiosincrático, vital. Foi aí, vivindo no galego, inmerso na natureza e na sociedade creada arredor del, como me fixen galegofalante.
Non foron os cursos de iniciación, perfeccionamento ou especialización que faciamos os docentes os que me fixeron falar o noso idioma, senón a vida, as relación con alumnos e pais aló onde traballei. Logo, as miñas tendencias literarias impulsáronme —con moito pracer, todo hai que dicilo— a dominar o idioma ortográfica e gramaticalmente.
Temos que falar galego. Temos que falalo por moitas razóns: porque é algo que nos define como persoas, porque é desmesuradamente fermoso, porque ten musicalidade, riqueza léxica e visual, sonora e poética, porque nace da nosa terra e da nosa alma, porque se sente e porque está desaparecendo e a súa extinción sería como amputar unha parte da nosa vida.
E temos que falalo, máis que nas clases das escolas e dos institutos, na familia, na vida mesma; respiralo e oílo no día a día, ao tomar as notas que pegamos na neveira, ao saudar, ao conversar... O galego non se sostén grazas aos homes da cultura; non son os escritores nin os catedráticos, a xente formada, senón a xente de a pé, o pobo, aqueles que —aínda que mesturado co castelán— conservan o galego como forma de comunicación.
Fala galego na vida, usa o galego para vivir, porque só así evitaremos a súa morte.