O BNG de Outeiro de Rei denuncia o cobro indebido dunha taxa de 100€ polo envío de cartas municipais
O BNG de Outeiro de Rei vén de denunciar que o goberno municipal está a enviar cartas á veciñanza nas que se lles obriga ao pago dunha taxa de 100€ simplemente polo feito de recibir a comunicación. Segundo explican, estas misivas están relacionadas con denuncias de 2022, polo que consideran que o seu envío agora carece de xustificación e supón un prexuízo económico inxustificado para a cidadanía.
Dende o grupo nacionalista esixen a inmediata paralización destas comunicacións e instan ao Concello a proceder á devolución dos cartos cobrados de maneira indebida. O BNG reclama que se respecte a legalidade e os dereitos da veciñanza, evitando cargas económicas inxustificadas e garantindo unha xestión municipal máis transparente e xusta.
Dende hai tres anos, cada certo tempo nalgunhas das parroquias de Outeiro á veciñanza está a recibir unha comunicación do concello onde se lles di que teñan que proceder á limpeza de distintas parcelas da súa propiedade, así coma á tala dalgunhas plantacións que, presuntamente, non se axustan á normativa de xestión de biomasa e prevención de incendios. As notificacións lévaas enviando o Concello de forma indiscriminada á veciñanza, sen ningunha comprobación previa da súa veracidade ou estado das parcelas por parte de funcionarios do Concello aínda asi o concello xíralle ás persoas afectadas unha taxa de 100 €, a ingresar na propia conta do concello, pola simple comunicación do feito denunciado, non pola presunta infracción en si, que no caso das cartas que se mandaron nos últimos tempos, xa pasaron tres anos dende esa denuncia.
Dende o BNG cremos que si había que comunicar inmediatamente ás persoas afectadas a situación denunciada, dado que algunha si podería incumprir coa normativa vixente e tamén podería representar un perigo en caso de incendio, pero baixo ningún concepto se lle poden cobrar eses 100€ pola comunicación.
“Resulta bastante evidente que o custe de mandar unha simple carta de tres páxinas non se achega nin de lonxe a esa cantidade” continúa a explicar o concelleiro nacionalista, non tendo feito o Concello ningún outro traballo con relación a esta cuestión máis aló da comunicación desa denuncia “ a este concello non lle preocupa coidar o monte ou previr incendios, só lle preocupa recaudar”
Ademais de todo o anterior, que xa sería abondo, dende o BNG tamén cremos que unha Administración ten que dar exemplo de integridade ética no seu comportamento, e moito máis cando se trata dun tema tan sensible como cobrarlles cartos ás persoas ás que administra, non podendo “inventarse” impostos ou taxas dunha forma arbitraria para paliar unha pésima situación económica que se está a pasar, situación ademais debida á desastrosa xestión que se está a levar dende o concello. “Esta taxa dos 100 € é completamente irregular, extemporánea, non se corresponde co traballo que puido facer o Concello e non ten ningunha base legal para poder cobrala, polo que en ningún caso se debera ter cobrado, tal e como se lles recoñeceu ás persoas que se atreveron a recorrela” conclúe Ferreiro