Viveiro reparte 325.000 euros en subvencións para as actividades das asociacións
O Concello de Viveiro vén de reforzar o seu compromiso coas entidades locais a través da concesión das subvencións nominativas incluídas nos orzamentos municipais de 2025, que supoñen un investimento global superior aos 325.000 euros. Estas axudas permiten apoiar o labor de asociacións culturais, deportivas, sociais e comerciais, fundamentais para manter viva a actividade social e o dinamismo económico do municipio.
Durante estes días estanse a asinar os convenios entre a alcaldesa, Mariña Gueimunde e os representantes das entidades beneficiarias. A maior parte deles xa se formalizaron e, a día de hoxe, só restan oito por asinar. O proceso completarase ao longo da vindeira semana. As achegas outórganse de maneira directa, ao abeiro da normativa vixente, e serven para cubrir gastos de funcionamento, organización de actividades, eventos culturais e deportivos ou campañas de dinamización.
"As asociacións de Viveiro son unha parte esencial da nosa identidade"
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que "as asociacións de Viveiro son unha parte esencial da nosa identidade como pobo, porque promoven o deporte, a cultura, a solidariedade e a participación cidadá". Engadiu tamén que "estas subvencións nominativas son unha ferramenta para devolverlles parte do esforzo e da dedicación que realizan durante todo o ano para manter viva a actividade do noso concello".
As axudas repártense en catro grandes ámbitos de actuación. No eido cultural e social, o Concello colabora con entidades como Aspanane, Asociación de Familiares de Alzheimer (Afa), Asociación Saúde Mental A Mariña, Banda de Música O Landro, Xunta de Cofradías de Semana Santa, Asociación Bágoas da Terra. Asociación Cultural Ether, Asociación Cultural Proa, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Cultural Amigos do Naseiro e Seminario de Estudios Terra de Viveiro. O obxectivo é apoiar a programación cultural, o mantemento das súas actividades e a organización de iniciativas de grande relevancia para Viveiro, como a Semana Santa, declarada de Interese Turístico Internacional.
No ámbito deportivo, as subvencións nominativas chegan a máis dunha ducia de clubs e entidades locais, entre elas o Club Balonmán Viveiro, Club Ciclista Viveiro, Club Xadrez San Roque, Club de Piragüismo Viveiro, Viveiro CF, Sociedade Deportiva Viveiro, Club de Baloncesto Viveiro, Club de Remo Celeiro, AD San Roque de Viveiro, Club Ximnasia Viveiro, Club Egovarros, Escola de Rugby Astérix de Viveiro, Peña Ciclista Gráficas Lar, Club de Tiro San Roque, Club Mix Rallye Sports, CD Camovi e Club de Billar Casino de Viveiro.
Apoio ó tecido comercial
Ademais, o Concello mantén o apoio ao tecido comercial mediante a colaboración coa Asociación Centro Comercial Casco Histórico, que recibirá unha achega para o desenvolvemento de campañas promocionais e actividades de dinamización ao longo de 2025. "O comercio de proximidade é unha das bases da nosa economía local e queremos seguir contribuíndo a que se manteña forte, activo e competitivo", sinalou a alcaldesa.
Mariña Gueimunde destacou tamén que "todas estas axudas forman parte dun mesmo propósito: que Viveiro continúe a ser un lugar con vida, con oportunidades e cunha ampla oferta cultural, deportiva e social para todas as idades". "O Concello seguirá traballando man a man coas entidades para acompañalas e axudalas a medrar, porque cada euro
investido nelas é un investimento no futuro de Viveiro", concluíu a rexedora.

