Un mundo de amigos

A idea de amizade que impera no mundo moderno é máis cuantitativa que cualitativa. Presumimos do número de amigos que temos nas redes sociais e dos likes que reciben as nosas publicacións; alardeamos de popularidade, que é unha forma de dicir que temos moitos 'amigos'.

Mais é preciso matizar, redefinir o vello concepto de amizade. Na maior parte dos casos os amigos do traballo, do fútbol, da política e doutros grupos non son realmente amigos, senón coñecidos ou compañeiros de actividade; a nosa relación con eles carece da profundidade da verdadeira amizade.

Un amigo de verdade é fiel até o extremo, axuda incondicionalmente e en todo momento, está contigo nos momentos difíciles da vida, sacrifícase por ti e, sobre todo, escoita e aconsella, fala contigo e atende ao que ti lle falas, intercambia contigo a sabia terapia de verbalizar os problemas.

Onde quedaron eses amigos sinceros, de toda a vida, que estaban contigo desde a nenez ata a vellez? Quedaron na forma de vida autenticamente sedentaria do pasado, cando os cambios de residencia ou a dobre residencia non nos afastaban das persoas, cando tiñamos un fogar perpetuo nun lugar e nunha sociedade verdadeiramente nosa.

Hoxe os fogares son precarios e as viaxes, continuas; somos nómades solitarios que substituímos constantemente unhas relacións persoais por outras e perdemos a áncora e a referencia dun fogar auténtico.

Por iso hai cada vez máis psicólogos e cada vez acode máis xente a eles: os psicólogos son os substitutos dos vellos amigos do pasado, que ofrecen a escoita como terapia, que pretenden curar os traumas da vida co ancestral recurso ao apoio emocional. Mais o carácter científico dunha relación profesional nunca poderá ocupar o lugar nin ter a forza afectiva dun auténtico amigo.