Os catro imperios
Por imperio designamos unha forma política hexemónica que domina unha ampla zona de influencia. A memoria do pasado recupera potencias como o Imperio Romano, o Imperio Azteca ou, máis recentemente, o Imperio Americano e o Imperio Soviético, durante a guerra fría.
Aínda que nos inicios da historia a clave para o predominio dunha entidade política era a faceta militar, co paso dos séculos outras circunstancias se fixeron decisivas para identificar o imperio dominante: a economía -o país máis rico decide-, a cultura -os países que crean tendencias son máis influentes- ou política -os estados do benestar e os que defenden a liberdade, marcan o futuro-.
Até non hai moito, Estados Unidos era o exemplo en todos estes aspectos: o máis militarizado, o máis rico, o máis influente culturalmente e o paradigma indiscutible da liberdade. Mais os tempos cambian e na actualidade a súa hexemonía é desafiada por outros tres imperios globais: China, Rusia e a Unión Europea.
China compite coa americanos na economía, Rusia no armamento e a Unión Europea no réxime de benestar e liberdades. E todo está rompendo, todo está cambiando: Estados Unidos xa non é garante da liberdade, senón que evoluciona cara a un disimulado despotismo, facendo fronte común co despotismo ruso. E, ao mesmo tempo, renuncia ao papel de pacificador que desempeñou tantos anos, iniciando guerras militares ou ameazando con elas e provocando unha guerra comercial mundial, que pode ser a ruína de todos os países.
Que nos queda aos europeos, indefensos no militar e desunidos como entidade política? Se se auguran cambios importantes, a Unión Europea tamén debe cambiar, se quere sobrevivir. Mais o medo e este: os cambios suporán tamén a perda da paz e da liberdade?