Novo mercado laboral

_E2A4966
Repartidor no centro de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Entrevistando a moita xente pola Mariña adiante, constatei a alarmante ausencia de forza laboral en multitude de traballos tradicionais: no rural, sobre todo, pero tamén na hostalería, na madeira, etc.

Solicitando opinións da xente, anotei que algúns —os máis desencantados— atribúen esta ausencia ás poucas ganas que ten a xuventude de esforzarse; outros —os máis optimistas— aseguran que isto é debido a que unha gran porcentaxe da xuventude actual estuda carreiras universitarias e, polo tanto, pasa moitos anos nas aulas, ausente do mercado laboral. E outros —os máis reivindicativos— aseguran que son as condicións deplorables e escravizantes deses oficios tradicionais as que afastan os posibles traballadores.

Reflexionando sobre o tema, constatei que hai unha razón máis: que se inventaron novos oficios, ocupacións laborais da modernidade; a xente nova busca ganarse a vida como youtubers, influencers ou, coa crecida do comercio online, como repartidores de Amazon, Seur ou MRW ou como pizzeiros.

A maioría destes novos traballos son mecánicos e en absoluto creativos, aptos para ser desempeñados pola intelixencia artificial. Incluso, nos últimos anos, observamos o aumento dos políticos ou sindicalistas profesionais, que substitúen o que debería ser un lapso de servizo social nas súas vidas por unha actividade laboral perpetua.

Está claro que debemos prepararnos para un mercado laboral diferente, con novos desempeños profesionais adaptados á modernidade, mais é preciso lembrar que a principal premisa do traballo é que nos permita realizarnos como persoas e desenrolar a nosa creatividade, conservando as virtudes humanas e o trato persoal.

Cando o traballo se converte en algo impersoal, oneroso ou falso, convértese nunha carga ou nun engano.