Falla a lóxica

Escombros tralo 11-S. ARQUIVO
Escombros tralo 11-S. ARQUIVO

Os presupostos fallan moitas veces, as suposicións adoitan atoparse co erro. A suposta lóxica dunha verdade indiscutible, aparentemente infalible, debido á crecente variabilidade da natureza humana, pode conducirnos á equivocación.

O instinto de supervivencia, de preservación da propia vida, semella unha verdade biolóxica; un home pode tentar matar a outros, pero sempre tentará sobrevivir. Esta presuposición errónea fixo que se relaxasen as medidas de seguridade nos atentados das torres xemelgas de Nova Iork o 11 de setembro do 2001, coa conseguinte catástrofe.

Non debemos presupoñer alegremente sen comprobar. Non é prudente considerar culpable o acusado dun delito sen presentar antes as probas fiables que o demostren. Non se debe presupoñer a ideoloxía dunha persoa seguindo unha interpretación intuitiva; é preferible preguntarlle, para que el mesmo diga o que pensa.

Non debemos fiarnos das deducións baseadas nos estereotipos, porque adoitan nacer de prexuízos ancestrais e infundados, que derivan as características dunha persoa do grupo ao que pertence. Non é aconsellable aceptar verdades fundadas nas opinións de outros, porque o boca a boca terxivérsaas e cada elemento persoal da cadea introduce novas verdades parciais que anulan a apreciación final.

Os xuízos emitidos na distancia respecto aos feitos históricos adoitan esquecer moitos matices que só se aprecian sendo testemuñas directas dos feitos. Aínda que inventamos a lóxica, os seres humanos adoitamos seguir sendas caóticas na nosa vida e os presupostos ancorados nesa suposta lóxica deben ser valorados con prudencia.

A verdade non sempre é o máis evidente e, con frecuencia, afirmala con rotundidade conduce aos temible prexuízos que tanto dano nos fixeron ao longo da historia.

Comentarios