Perdón, outra vez perdón
Vostedes, amigos lectores, paráronse a pensar algunha vez sobre a importancia de pedir perdón. Perdoe !señor, roubámoslle a carteira e gastamos os cartos que tiña. Perdoe, por favor! Roubámoslle a documentación, as tarxetas de crédito, os billetes e as notas que gardaba. Todo vai alá, no inferno ou no contedor ese grande do lixo seleccionado. Alá vai todo, todo o que tiña na carteira esa de pel dourada, a carteira do mercado, da festa e da alborada.
Como escribía Concha Blanco, "o medo é libre". Se lles contas aos netos ou netas o que ocorría cando eras moza, morren de medo, asústanse de tal maneira que dificilmente poderán evitar o tremor das súas pernas, das lámpadas de cada cuarto da casa, dos brazos ou das meixelas. O tremor do medo é malo de aguantar, pero se é conveniente, escorréntase e axótase para seguir tranquilamente gozando da liberdade, sen ataduras.
Queríamos falar de perdón e estamos con medo. Todos, ou moitos, teñen medo á inxustiza, ao desorde e ao desamaño. Escorrentan ao diabro e corren cara a casa de moitos ou de ningún. O medo está no medio da discusión, dos falares, da acción ou no medio da conversa. Se algo sae mal, perdón! Non dicimos máis nada, pero imos co perdón na boca, por onde cómpre falar, reflexionar e escoitar.
Os teóricos din que, se pides perdón, descansas. Parece que está demostrado que perdoar ten efectos positivos na saúde emocional e física. Baixa o nivel de ansiedade e reduce considerablemente a depresión e o estrés. Pida perdón, señora, e váiase tranquila. Despois, se pode, devolva o que levou. Xa falaremos!
Enganeime e enganeite, sen máis, sen mala intención, sen querer, dixo Matías da Pedreira. E agora que facemos, a onde imos? Perdón, amiga. Imos buscar unha solución. Se aparece, benvida! E sen non a atopamos, que Deus nos perdoe. Perdón, si señor! A elegancia e a educación deben estar sempre na punta da lingua. Se lle pregunta á psicóloga de cabeceira, diralle que é conveniente saber estar, independentemente dos efectos da súa incorrecta acción.
A Tía Manuela emociónase co perdón e con aquelas persoas que o piden outra vez. Enténdeo dende a perspectiva literaria, filosófica, teolóxica e psicolóxica, pero, con todo, defende, antes que nada, as actitudes correctas e consecuentes. Sempre!