Un cura para 17 parroquias

O coche de Julio Fernández Doval ten oito anos e 235.000 quilómetros, un percorrido nada desdeñable para o medio de transporte dun crego encargado de 17 parroquias dos concellos de Sarria, O Incio e Paradela. Xunto con Miguel Gómez Vázquez, presidente da Fundación O Noso Lar e responsable doutras tantas igrexas repartidas por todo o termo municipal de Samos, son os dous sacerdotes con maior número de templos ao seu cargo na diócese de Lugo, onde se acusa unha falta de vocacións que leva a 350 curas a atender máis de 1.130 parroquias.

Crego dende o ano 1982, Fernández Doval tivo o seu primeiro destino en Lóuzara, onde exerceu durante 17 anos. Foi no 2001 cando este sacerdote natural do Corgo e formado en Teoloxía en Madrid asumiu as parroquias sarrianas de Belante, Biville, A Pinza, Santo André de Paradela e Vilamaior, xunto coas de Andreade, Vilaragunte e Barán, estas últimas no concello de Paradela.

Dende o pasado mes de outubro, a raíz da xubilación do párroco de Oural e o traslado do sacerdote do Val do Mao, Julio Fernández ocupáse tamén das parroquias de Pacios, Santa María, O Salvador e San Román do Mao (O Incio) e das sarrianas de Loureiro, Froián, Oural, Chorente e Nespereira.

«Isto é un reflexo de que actualmente non temos persoas para cubrir as necesidades básicas da diócese. A idade sube e as forzas fallan», di. No seu caso son 56 anos, nos que mantén as forzas intactas e unha capacidade de organización que lle permite facer fronte con dilixencia ós compromisos coas seiscentas familias de fregueses ó seu cargo.

Nun día normal percorre unha media de 60 quilómetros a bordo dun coche no que nunca faltan a roupa nin os ornamentos litúrxicos, material imprescindible para desenvolver o seu labor.

Calendario
Nesta tesitura, a planificación e a capacidade de reacción ante os imprevistos son cualidades básicas. A principios de ano elaborou un calendario que fixo chegar a cada familia con información dos oficios litúrxicos en cada parroquia, onde celebra como mínimo dúas misas ó mes.

«Pretendo que todas as persoas estean informadas da hora, data e lugar de celebración das misas, das distintas festividades, da catequese, tanto de comuñón como de confirmación... Tamén se anuncian as actividades culturais que imos realizando ó longo do ano», explica o sacerdote.

O seu método de traballo é similar ó de Miguel Gómez, quen chegou a Samos asumindo sete igrexas, pasou a 16 nos últimos años e agora encárgase xa de 17 das pouco máis de vinte parroquias coas que conta este concello, cunha poboación escasa, de idade avanzada e moi dispersa.

O calendario non só é unha ferramenta imprescindible para a organización. «Tamén é bo que a xente saiba os oficios e actos que hai na súa parroquia e nas outras, para ter unha visión global porque a comprensión, responsabilidade mutua e disposición a colaborar é moi importante», asegura.

En todo caso, «é cuestión de organizarse e potenciar a presenza nas parroquias durante a semana », apunta Gómez, quen tamén suma a estas funcións a presidencia da Fundación O Noso Lar, ademais de ser o encargado da diócese de Lugo para os asuntos de patrimonio e bens inmobles.

Ningún dos dous cregos entende de horarios. Para prestar servizo a tan elevado número de parroquias hai que facer un encaixe de bolillos, comezar cedo e, moitas veces, acabar tarde. Un exemplo verase o domingo de Ramos, data sinalada na que Julio Fernández oficiará misas en once das súas igrexas, a primera ás dez da mañá e a última ás oito da tarde.

Ambos asumen a situación con naturalidade. «Ser crego para as persoas é gratificante», explica Fernández, quen resume a súa función en «anunciar, celebrar e servir», tres verbos «que hai que conxugalos xuntos e mesturados, porque do contrario non casarían coa realidade». Segundo asegura, o seu labor réxese por seis ansias: «coñecer dende a humildade a propia pobreza e enriquecer a outros; ser guía, sen chegar antes; afirmar a Alguén que a súa trascendencia me desborda; falar de luz, aínda que sexa noite; ser ollos, mans, corazón, pés, dun amor tan grande coma Deus e traballar na faena da sementeira sen participar na gloria da colleita».

Actividade social
Tanto Miguel Gómez como Julio Fernández din concebir a súa función como servizo a Deus e ó próximo. Nesta liña, ambos realizan actividades en favor da comunidade. O sacerdote de Samos foi pionero na creación da Fundación O Noso Lar, que realiza un traballo fundamental de dinamización dos núcleos da montaña de Samos, centrada en gran medida nos maiores do municipio. Entre as actividades que promove figuran os encontros de convivencia coas persoas de máis idade, que se celebran periodicamente nas sedes do Priorato de Lóuzara e San Román de Lousada. Ademais, para o mes de abril programa unha nova edición —este
ano no País Vasco— das vacacións para os maiores deste concello.

A filosofía da fundación consiste en «integrar a dimensión pastoral coa social e a cultural», favorecendo a integración das distintas parroquias e programando actividades conxuntas, apunta. A inquedanza cultural tamén aflora no caso de Julio Fernández. Dentro da súa acción pastoral interparroquial
organizará unha excursión-convivencia a mediados de abril e rutas de sendeirismo no mes de maio pensadas para os máis novos. «Cando se fai unha invitación para colaborar en proxectos e actividades, a resposta non se fai esperar», sinala.

Dentro dese desexo de «xuntar e coxuntar persoas de todas as idades e das distintas parroquias para realizar algo comunitariamente», púxose en marcha un grupo de canto que ameniza as misas dominicais e celebracións festivas.

O propio crego, quen formou parte da coral de Samos, participa nesta actividade, e ten xa en mente novas iniciativas como formar un grupo de teatro.

Comentarios