O recuncho de Raúl Río

O Vilariño: o paraíso de Xosé María Díaz Castro

A aldea dos Vilares na que nacía o autor de 'Nimbos', a quen sempre lle gustou volver ás raíces, inspirou moitos do seus versos 
O Vilariño, coa Casa de Cidro á esquerda. C.PÉREZ
O Vilariño, coa Casa de Cidro á esquerda. C.PÉREZ

Localización

Dende a LU-P-2301, nos Vilares, no núcleo das Reixas, hai que coller a estrada que vai ao cemiterio e a uns tres quilómetros, ao pasar Drada, a aldea do Vilariño queda á esquerda. Dende a LU-170, na Ventisca, hai que coller a pista que vai a Bustelo.  

Veciñanza

Segundo o Instituto Galego de Estatística (Ige), na aldea hai catro veciños. Dúas das casas, a de Cidro  e a dos Coira, están en ruínas. 

Legado

Ao morrer Xosé María Díaz Castro (1914-1990) deixoulle a Xermolos a casa, na que hai o proxecto de crear a Casa da Xente, e nomeou a Alfonso Blanco responsable do seu legado. O Concello creou un centro de interpretación e un roteiro que vai da aldea ao Buriz e o IES Poeta Díaz Castro promoveu actividades ou un documental co Vilariño como epicentro. Ademais, Raúl dedicoulle un busto ao poeta nas Reixas.


Aldea do Vilariño, nos Vilares. C.PÉREZ
Aldea do Vilariño, nos Vilares. C.PÉREZ

"É todo un conxunto moi bonito, era o paraíso de Díaz Castro", di o vilarego Raúl Río sobre O Vilariño, aldea natal do autor de Nimbos. "Teño andado moito con el alí polos camiños", rememora sobre o tempo e as longas conversas compartidas nun lugar que "lle encantaba" ao poeta honrado nas Letras Galegas de 2014 e que inspirou versos coma os de Pulpa dorida ou Monumento á ausencia.

"A poesía del son cantos ao que sentía polo Vilariño, para el chegar alí era paz e alegría", referenda Raúl sobre os sentimentos dun neno de aldea que con 14 anos marchaba para o seminario, estudos que truncaría a guerra. Foi á fronte de Asturias, e aí recibiu cartas dunha 'madriña de guerra', Teresa Zubizarreta, coa que casaría en 1954.

Capela do Vilariño. C.PÉREZ
Capela do Vilariño. C.PÉREZ

Só volvería un ano ao Vilariño, tempo que aproveitou para estudar idiomas, antes de marchar para Vilagarcía coma mestre en 1940, para logo asentarse en Madrid en 1948, "como tradutor do Ministerio do Frío (como el lle chamaba ao de Interior)". Na última etapa da vida volveu a Guitiriz e aí foi onde o coñeceu Raúl, cadrando co pregón de Manuel María en Pardiñas.

Visitas e recordos

"A partir de aí empecei a ir polo Vilariño e a falar con el", di, recuperando recordos moi concretos que perduran, coma un debate na lareira sobre Penélope: "Teresa, dixo que non lle gustaba, porque todos os pasos tiñan que ser para adiante". 

Raúl viaxa ao Vilariño de antano, con tres grandes casas. A de Díaz Castro, coñecida como a de Cidro, a dos Coira, pegada a del, e a de Carballeira. Estas dúas eran as donas da capela, que data do XVII. "Eran tres casas moi potentes, da de Carballeira dicíase que podían ir e vir da misa polo seu", di, contando tamén que un Coira fixo presas no Mandeo para producir electricidade (a luz de Coira) e que logo un Carballeira, "Antonio Castro, trouxo ata os Vilares". 

Un camiño no Vilariño, ao pé da casa de Díaz Castro. C.PÉREZ
Un camiño no Vilariño, ao pé da casa de Díaz Castro. C.PÉREZ

"A de Díaz Castro non ten terreo por atrás, por iso non ten ventás", di Raúl, falando de eucaliptos de xardín, de paneiras e de pombais, da fonte e dos paseos por eses camiños que Díaz Castro xamais esquenceu:

Cando eu esteña sobras árbores,
sobros páxaros i as estrelas,
pedirei a Deus algunhas tardes
me descolgue sobor da terra
para poder volver a percorreros
vellos camiños da miña aldea

Comentarios