O Iescha promove máis de media ducia de actos ao longo de novembro en Vilalba

Xosé Salvadores abre a programación coa presentación do libro 'A fraga dos teixos' este venres na casa da cultura da capital chairega, que tamén acollerá os días 14 e 15 as II Xornadas de Patrimonio Inmaterial
Espazo diante da casa da cultura de Vilalba. A.V.
Casa da cultura de Vilalba. A.V.

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello, ofrece un mes de novembro cheo de propostas culturais, con máis de media ducia de actividades en Vilalba que comezan este venres 7, coa presentación do libro A fraga dos teixos.

O acto celebrarase na casa da cultura ás 20.00 horas e nel intervirán o autor, o ecoloxista Xosé Salvadores, acompañado por dous representantes do Iescha, a presidenta Marisa Barreiro e Chema Felpeto, da directiva. 

O cine será o protagonista o día 9 con As Neves, de Sonia Méndez, unha proxección incluída no ciclo Mestre Mateo, que conta co apoio da Academia Galega do Audiovisual e da área de Cultura da Deputación.

No auditorio

A película poderase ver no auditorio, no que o teatro tomará o relevo o 23 e o 29, os dous días ás 20.00 horas, coa posta en escena, respectivamente, das obras O pano, de Bátega Teatro, e Quen ocupa esta cadeira?, da Escola Palimoco de Teatro e Danza.

Ademais, no marco dos actos do 25 aniversario do Iescha, o 28 inagurarase tamén no auditorio (20.00h.) a exposición Retratos, na que Pedro Cabarcos rende homenaxe a chairegos ilustres. 

Xornadas de Patrimonio Inmaterial

A programación complétana, na casa da cultura, a palestra Díaz Pardo, obra, milagres e espolio, impartida polo historiador Felipe Senén López o venres 21 (20.00h.) e as II Xornadas de Patrimonio Inmaterial, os días 14 e 15. 

O seminario, en colaboración co Consello da Cultura Galega, comezará o venres ás 17.30, cunha sesión inaugural a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, e da alcaldesa, Marta Rouco.

Presentaranse ademais dúas exposicións Lévame a idea. Unha mostra para o recoñecemento de creadores de tradición oral galega e Os fíos da Moura. Tecido e patrimonio, nun acto no que intervirá o grupo Lambe Lambe.

A continuación, a historiadora vilalbesa Miriam Fernández Otero falará de Tecido e patrimonio inmaterial e o canteiro José Gómez de Bernardo, de O verbo xido.

O sábado, a partir das 11.00, intervirán a antropóloga Lidia Mariño, cun relatorio sobre a medicina tradicional; o filólogo Ricardo Gómez Polín, que recordará á Cega de Miranda; e Branca Villares, que falará da tradición oral das pandeireteiras.

Logo do acto de clausura das xornadas, farase a tradicional ofrenda floral no monolito das Irmandades da Fala, na Rúa Valeriano Valdesuso.