O actor Amador Arias protagoniza o videoclip de Sobre o Volcán, o novo de Atrás Tigre. A peza, obra dos tamén fonsagradinos Xiana Arias e Berio Molina, foi gravada nese municipio.
No vídeo conxúgase a experiencia estética e paisaxista das imaxes da Fonsagrada, coa relación tenra e fraterna de Amador e Platero.
Sobre o Volcán é o segundo adianto de Vinte Corenta, o novo EP do grupo, que se estreará o vindeiro xoves 3 de xuño en todas as plataformas.
A banda –formada por Pedro Solla e os viveirenses Olalla Cociña e Edu Poch– volve transmutada en trío, logo de dous anos de exploración no territorio da electrónica e da paisaxe sonora.