Opinión

Máis vida e máis dignidade


Os medios de comunicación fornécennos de datos, máis datos, informes, estudos, análises, predicións e advertencias sobre o estado do planeta que habitamos, mudando en certa a que, fai un tempo, era probable repercusión negativa para a vida humana na Terra. Segundo informe publicado no diario El Mundo, The Lancet Planetary Health considera que das persoas falecidas no ano 2019, nove millóns pódense adxudicar á contaminación. Máis en detalle e máis preto de nós, este verán faleceron en España 4.700 persoas por exceso de calor, segundo fixo público o Instituto Carlos III. Falando de consecuencias, inmediatamente menos tráxicas, a seca experimentada na Península Ibérica é moi forte como nos mostran as imaxes difundidas diariamente, pero tamén hai datos como o 20% menos de auga nos encoros españois e as restricións do seu consumo que afectaron mesmo ao cerne do turismo galego de praia (Sanxenxo).

Boaventura de Sousa Santos (Público, 12 de agosto de 2022) pon de manifesto que entre as diversas consecuencias negativas da guerra na Ucraína (ver artigo), unha das máis relevantes e o stop e marcha atrás decidido pola Unión Europea verbo das políticas climáticas coas que se tiña comprometido, tendo tamén consideración que Europa é responsable do 33% do CO2 que hai na atmosfera. Das esperanzadoras políticas que habían favorecer o uso de enerxías limpas, pásase a adxudicar tal consideración ao gas natural e á enerxía atómica. Pero non só, ante a ameaza do frío invernal e dada a previsible escaseza do gas que, maioritariamente, procedía de Rusia, retómase o carbón como combustible para as centrais eléctricas. Parece claro que non somos quen de arbitrar solucións que non impliquen un reforzamento das condicións que favorecerán un incremento das mortes por calor, por treboadas e pola contaminación, en xeral. 

Jean Baudrillard (1998) falaba de formas larvadas de resistencia cando a xente se decata do poder «embólico» que posúe fronte ao sistema

Segundo o senador dos EE.UU. Bernie Sanders, tres persoas dese país posúen  mais riqueza que a metade máis pobre (160 millóns de persoas) pero o que interesa hoxe, mais alá do escándalo do dato, é que esas tres persoas xunto con algunhas máis de elevadísimo nivel económico, conscientes da catástrofe que se aveciña, están investindo inxentes cantidades de diñeiro na propia supervivencia. Xa vimos a Branson, Bezos e Musk viaxar ao espazo, aparentemente nunha xira de aventura e de pracer pero se facemos caso das súas declaracións e dos movementos das súas axencias espaciais parece que o obxectivo vai mais aló, en palabras de Bezos hai que levar a cabo os procesos contaminantes a outros lugares do espazo para preservar este planeta, no que aparenta ser unha iniciativa deseñada en beneficio do conxunto da humanidade pero, de dar creto a algúns analistas que se ocupan do que acontece en Silicon Valley, entre os seus líderes existe unha auto-percepción situada por enriba do conxunto dos mortais que fundamenta o desexo mais ou menos concretado en proxectos de e para esa minoría que os deberían situar por enriba do destino de todos e todas. ?.

Jean Baudrillard (1998) falaba de formas larvadas de resistencia cando a xente se decata do poder «embólico» que posúe fronte ao sistema, nas súas palabras «nin máis nin menos que consumir menos, non por obxección de conciencia nin sequera por determinación política, se non por un comportamento reflicto de auto-defensa». Pódese tentar conectar esta idea co feito de que estea a darse un movemento importante de abandono de postos de traballo, nomeadamente nos EE.UU. pero tamén en Europa, en concreto en Francia. Recentemente unha persoa entrevistada poñía de manifesto que deixara un traballo altamente remunerado por outro que meramente lle permitía «ir tirando» certamente cun grao de consumo bastante inferior pero cun grao de benestar máis elevado.

E se se puideran conseguir obxectivos que hoxe semellan inconciliables sen necesidade de espaventar a preguiza de ter que ir ás barricadas ou asaltar o palacio de inverno? Acadar un planeta máis habitable ao mesmo tempo que un  maior grao de benestar e, se facemos caso a Baudrillard, de dignidade, parece realizable renunciando so ao consumo innecesario por parte de quen pode facelo.

Comentarios