Opinión

Seguimos loitando pola igualdade

UN 8 DE MARZO de 1857 un grupo de mulleres traballadoras de Nova York decidiron saír á rúa para protestar polas súas penosas condicións laborais. É o inicio dunha longa loita a prol da igualdade. Unha loita que se oficializou en marzo de 1911 coa celebración, por primeira vez, do Día Internacional da Muller Traballadora e, dende entón, cada 8 de marzo, as mulleres de todo o mundo materializan a súa batalla pola dignidade.

É o seu día, pero tamén é o día dos que cremos que é unha loita xusta e que a igualdade entre homes e mulleres debe ser real. Queda aínda un largo treito por percorrer e, nese camiño, o paso máis importante, é traballar para que toda a sociedade tome conciencia de que a igualdade de xénero beneficia a todos: homes e mulleres.

O Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, manifestou que a mellor política social en favor da igualdade efectiva é o emprego. Durante o mandato de Xosé Luis Rodríguez Zapatero un millón de mulleres perderon o seu traballo. Fronte a isto, o Executivo de Rajoy, logo de seis anos de destrución de emprego, conseguiu que o ano pasado se xeraran 400.000 traballos. Deles, case a metade, 193.000 foron para as mulleres.

Pero hai que seguir coa tarefa. Para iso, o Goberno aumentou un 8 por cento o orzamento para a igualdade e ultima un Plan de Igualdade Salarial entre homes e mulleres para conseguir romper a brecha que, a día de hoxe, aínda existe. Esta iniciativa súmase ás políticas de impulso ao emprendemento das mulleres rurais e ao Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2014-1016. Unha boa mostra de que, dende os poderes públicos, a equidade deféndese con feitos.

Cando a desigualdade se sustenta na percepción dun estatus inferior, o que historicamente se lle atribuíu á muller, é preciso apostar por políticas de discriminación positiva. O desenvolvemento das sociedades pasa por conseguir que as mulleres acaden un papel destacado. Que a igualdade entre sexos deixe de ser unha utopía e se converta en realidade é tarefa de todos, dos Gobernos e de cada cidadán de forma individual.

Comentarios