Opinión

Reflexións na corentena

España atravesa unha situación sen precedentes que nos trae á memoria a situación vivida en 1918 durante a pandemia da gripe. España non é a mesma agora que hai un século e os avances científicos tampouco. É certo que estamos mellor preparados pero tamén é certo que estamos ante un virus novo e cunha capacidade de contaxio moi alta, por iso é importante que nesta batalla todos camiñemos unidos. 

O Partido Popular amosou a súa lealdade e o seu apoio ao Goberno na loita contra a epidemia. Tempo haberá para que cada un asuma as súas responsabilidades na xestión pero iso será máis adiante, cando xa non estean en risco vidas humanas. 

Agora é o momento de que cada un de nós, a título individual, poña o seu gran de area. O noso mellor escudo nesta guerra é quedar na casa, illarnos, a pesar da ansiedade que nos poida producir vernos privados da nosa liberdade e a dor que nos ocasiona non poder abrazar aos nosos. Pero este é o camiño para protexernos e protexelos. 

O Partido Popular amosou a súa lealdade e o seu apoio ao Goberno de Pedro Sánchez na loita contra a epidemia

Dende o punto de vista político o Goberno de Pedro Sánchez asumiu o mando único no estado de alarma, polo tanto ten todo o poder pero tamén toda a responsabilidade e por iso lle pedimos que actúe con eficacia con transparencia. 

O máis importante é salvar vidas e garantir a seguridade dos profesionais sanitarios e para conseguilo é imprescindible que o ministerio nos envíe equipos de protección, respiradores e test de diagnóstico rápido. Somos unha das poucas comunidades que segue facendo estas probas en todas as áreas sanitarias. 

O pico da pandemia aínda non chegou e todo apunta a que esta semana vai ser dura. En Galicia a Xunta actuou con celeridade dende o inicio da crise sanitaria e xa incrementou un 71% o número de camas Uci.

Temos moitos maiores e protexelos é tarefa de todos. O noso labor é quedar na casa e o das administracións actuar con lealdade por riba de cores políticas, como está facendo Alberto Núñez Feijóo. Xuntos sairemos adiante.

Comentarios