Opinión

Política útil

As cifras de falecidos comezan a descender aínda que seguen sendo dramáticas máis dun mes despois de iniciar o confinamento. Aos cidadáns tócanos seguir perseverando e cumprindo coas recomendacións para non dar pasos cara atrás. 

E ao Goberno tócalle ser responsable, actuar con determinación e aportar certezas á sociedade. Non serve dubidar, improvisar e cambiar de opinión unha e outra vez. 

Pedro Sánchez pide unidade para firmar uns novos Pactos de Moncloa pero hai dúas cousas que resultan sorprendentes. A primeira, que esixa lealdade cando el toma unha e outra vez decisións unilaterais, sen consultar e sen informar. E a segunda, que pretenda tomar o nome dos pactos do 77 nun intento por asemellarse aos políticos de entón. Unha estratexia de imaxe coa que buscar minimizar o impacto negativo da súa xestión desta crise. 

Pero nin Sánchez é Adolfo Suárez nin a España do 2020 é a España da Transición. O que agora precisamos é un gran acordo económico e social que se está vendo dificultado polas liortas internas entre as dúas faccións do Goberno e polas esixencias dos independentistas vascos e cataláns. 
Non queremos bandos, non é o momento de que cada quen mire o seu embigo. É o momento dun gran acordo e para iso son necesarios os dous grandes partidos, o PP e o PSOE.

Non queremos bandos, non é o momento de que cada quen mire o seu embigo

O Goberno de Pedro Sánchez debe anticiparse para minimizar o impacto económico da pandemia. Hai que adoptar medidas que lle permitan no curto prazo aos autónomos e Pemes conseguir liquidez e hai que axilizar o pagos dos Erte. Galicia ten xa resoltos o 90 por cento dos expedientes que agora están pendentes da tramitación do Executivo. 

Síntome orgulloso de pertencer a unha comunidade pioneira tanto no eido económico como no sanitario. No económico coa formación dun comité de expertos que xa traballa para deseñar as medidas que permitirán ao tecido produtivo galego recuperarse. E no sanitario coa realización dun gran estudo epidemiolóxico para coñecer o nivel de inmunización da poboación e iniciar de forma segura a desescalada. 

Aos cidadáns non lles importa quen teña as competencias, senón quen o pode facer ben ou quen o pode facer mal. O virus é o mesmo para todos os países, a diferenza é a forma de xestionalo dos gobernos. Nestes momentos, máis ca nunca, precísanse políticos útiles, con experiencia e capacidade de xestión. E a min alégrame que en Galicia os teñamos.

Comentarios