Opinión

Lealdade pide lealdade

Acabamos de iniciar o que o Goberno central deu en chamar a fase 0 da desescalada, un primeiro paso para recuperar a normalidade. Como cidadáns debemos respectar as normas de distancia social, para evitar novos contaxios e o Goberno debe actuar con rigor e transmitir certeza e  está a facer xusto o contrario. 

O plan de desconfinamento foi aprobado unilateralmente, sen contar coa oposición, coas comunidades autónomas e cos sectores afectados. Pedro Sáchez basea a súa forma de actuar na política de feitos consumados; pide lealdade pero non a ofrece.

Sánchez debe rectificar e establecer un plan de desescalada coordinado coas comunidades, que son as que mellor coñecen a realidade de cada territorio. Sería fundamental contar cun documento definitivo de consenso que non dese lugar a dobres interpretacións. Dáse o paradoxo de que co actual plan a delegación do Goberno de Asturias fai unha interpretación menos restritiva ca de Galicia. Non é positivo que se dean estas contradicións e agardo que a diferenza non teña que ver con quen goberna en cada comunidade. 

O Goberno pretende que o Congreso aprobe unha nova prórroga do estado de alarma, pretende conseguir un novo cheque en branco para seguir gobernando unilateralmente

Non é comprensible tampouco que non se atenda á división por áreas sanitarias para Galicia, tal e como pediu Alberto Núñez Feijóo e que non se lle dea un sitio especial ao rural. Non se pode aplicar o mesmo protocolo para o centro de Madrid que para o rural da nosa provincia. 

O Goberno pretende que o Congreso aprobe unha nova prórroga do estado de alarma, pretende conseguir un novo cheque en branco para seguir gobernando unilateralmente. O mando único beneficia os seus intereses pero non os do conxunto dos españois. Existen outros mecanismos lexislativos para garantir, a partir de agora, o control do virus. 

Non se pode seguir actuando de forma improvisada e caótica; non pode pedir o apoio para destruír España. O Executivo prevé un incremento do paro ata o 19% e unha recesión superior ao 9%, pero a maioría dos organismos económicos apuntan a que superaremos os dous díxitos.
 

Son cifras dramáticas, por iso é importante traballar conxuntamente para intentar reverter os prognósticos. É necesario activar un plan coordinado e conxunto para que a pandemia sanitaria non se converta tamén nunha pandemia social e económica.


 

Comentarios