Opinión

Galicia, Galicia, Galicia e Galicia

En pouco menos dun mes os galegos decidiremos o noso futuro e están en xogo o crecemento, a solvencia e o rigor. Nos últimos once anos a nosa comunidade, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, caracterizouse por manter a estabilidade a pesar da crise económica que atravesamos. 
Estamos mellor que hai once anos, non hai dúbida, a pesar das campañas da oposición para facer ver o contrario. Galicia é un valor seguro dende o punto de vista económico,  educativo, sanitario e social. 


O 5-A só hai dúas alternativas: Alberto Núñez Feijóo ou un Goberno multipartito dos socialistas, nacionalistas e populistas,  do que nin sequera coñecemos o programa electoral. Podemos volver a vista a tras e lembrar o desgoberno do bipartito de Touriño e Quintana ou podemos mirar cara os últimos desencontros do Goberno de Sánchez e Iglesias para darnos conta do que non queremos. 


Non precisamos un goberno que teña que reunirse para apagar lumes internos, precisamos un goberno serio e rigoroso cun presidente que teña a Galicia como único obxectivo. E isto só pode garantilo Feijóo.

O 5 de abril máis ca nunca precisamos que Feijóo revalide a súa cuarta maioría absoluta


Esta semana que acaba de rematar os socialistas volveron a darlle as costas aos galegos e ás galegas votando no Senado en contra dunha moción do Partido Popular na que se pedía a Sánchez que garantira o futuro das industrias electrointensivas. Hai 5.000 postos de traballo en xogo só na provincia e Lugo pero iso ao PSOE, centrado máis non seu líder que nos problemas das persoas, parece non importarlle. 


É a segunda votación en contra de Galicia dos socialistas nas últimas semanas. A anterior foi en contra doutra moción do PP na que se pedía a devolución dos 270 millóns que o Estado lle debe á nosa comunidade. Sánchez, co apoio de Podemos e do BNG, segue discriminando as comunidades que, como a nosa, foron leais co Estado e premia a outras que non o foron só porque necesita os seus votos para seguir no poder. 
Por iso, o 5 de abril máis ca nunca precisamos que Feijóo revalide a súa cuarta maioría absoluta. Precisámolo para seguir liderando a creación de emprego, para defender o futuro das electrointensivas, para seguir construíndo hospitais e para garantir o futuro do noso medio rural. A Fejóo aválano 11 de anos de xestión e ao multipartito PSOE-BNG-Podemos e as Mareas só o avala a incerteza.

Comentarios