Opinión

Dignificar aos nosos gandeiros

Estes días os gandeiros víronse obrigados a saír de novo á rúa. Vímolos rodeando a muralla e tamén vertendo leite en Vilaba para esixir un prezo xusto que lles permita cubrir os custos de produción. 

Galicia produce o 40% do leite de toda España, non hai dúbida de que temos gandeiros con explotacións punteiras a nivel europeo en materia de benestar animal, seguridade alimentaria ou calidade do leite . O problema é, que aínda así, non lles son rendibles. 

Ao incremento dos cereais e dos legumes dedicados a alimentación animal así como da enerxía, súmase a eliminación das bonificacións ao gasóleo agrícola; unha tormenta perfecta que dificulta a viabilidade das explotacións. O goberno de Pedro Sánchez ten marxe para reverter esta situación e para facelo debe incrementar, canto antes, os mecanismos de control que impidan que os nosos gandeiros se vexan obrigados a vender a perdas.

Dende o grupo popular no Senado xa rexistramos unha emenda ao proxecto de lei da cadea alimentaria para esixirlle a Sánchez que garanta uns prezos xustos para o noso leite. Esperamos que o socialistas galegos apoien a nosa proposta, porque non podemos quedarnos de brazos cruzados ante unha realidade que lle afecta moi especialmente a Galicia e, de xeito directo, á nosa provincia.

Por iso dende o PP tamén presentamos unha proposición non de lei no Parlamento galego e mocións en deputacións en concellos; porque cremos que é fundamental que se asegure que o reparto do valor engadido xerado chegue a todas as partes da cadea de produción e, de xeito especial, aos nosos gandeiros que son o primeiro e imprescindible elo do sector primario.

O Goberno ten que tomar medidas que axuden a fortalecer, de xeito inmediato, a posición negociadora dos gandeiros, facilitando que poidan repercutir no prezo da leite os incrementos dos custos de produción. Os gandeiros, como calquera outro empresario, deben poder cubrir os custos de produción e obter un marxe de beneficio. 

Neste momento de dificultades para o sector tampouco axuda a posición do Executivo central, e nomeadamente do Ministro Alberto Garzón coas súas continuas declaracións en contra do sector.

Dende o Partido Popular temos claro que debe existir unha relación equilibrada entre gandeiros, industria e distribución para que o valor xerado se reparta de xeito harmónico ao longo de toda a cadea. Temos claro que Galicia non existe, nin pode entenderse, sen o sector primario, sen a labor dos seus gandeiros.

Comentarios