Opinión

Alcoa ten futuro

Están sendo días difíciles para a comarca da Mariña pero non só para eles, senón tamén para todos os que nos sentimos lucenses e nos gustar vivir nesta provincia. Alcoa apagou as súas cubas. A histórica factoría, símbolo do desenrolo industrial do norte de Lugo, para os seus motores por segunda vez en 4 décadas e España deixa de producir aluminio primario. 

É unha decisión moi arriscada, sen dúbida. Nun momento de crise das materias primas España pasa a depender das importacións do aluminio, un material imprescindible para sectores como o farmacéutico, o da automoción e o alimentario. A política enerxética errática de Pedro Sánchez é a responsable desta situación. 

O único que fixo Sánchez foi mentir e culpar á empresa. A Xunta, con Alberto Nuñez Feijóo á fronte, xa advertiu hai tempo de que sen un prezo competitivo da luz non se podería producir aluminio primario en España, pero o Goberno non traballou para establecer ese marco eléctrico que lle permitise ás empresas electrointensivas competir en igualdade de condicións con outros países europeos, como Francia ou Alemaña. E isto é fundamental, xa que a enerxía pode chegar a supoñer o 60 por cento do custo dunha empresa como Alcoa. 

España non pode prescindir dunha industria que se considerou básica durante a pandemia e Lugo non pode permitir que Sánchez e os seus socios sigan desmantelando o tecido industrial da provincia. Dende o Partido Popular imos estar sempre a carón dos traballadores, a economía dunhas 6 mil familias depende de Alcoa, por iso non é admisible a hibernación das cubas durante dous anos. 

A ineficacia de Sánchez pon en xogo o futuro de moitas familias de Lugo. Cun goberno do PP en España as cousas serían diferentes; fronte á inacción de Sánchez, Mariano Rajoy reuniuse en Nova York co máximo responsable de Alcoa e introduciu no orzamento unha partida de 150 millóns de euros que lle permitían ás electrointensivas compensar os custos da suba da enerxía. Acción fronte inacción; solucións fronte a problemas.

Hai que reactivar a factoría canto antes, sen agardar ata o 2024. A Mariña e Lugo non poden vivir sumidas na incerteza. O apagado das cubas ten que ser un punto e seguido na historia de Alcoa. A produción de aluminio primario debe seguir formando parte da historia da Mariña, é posible e imos loitar por conseguilo. 

Comentarios