Opinión

Novos xuíces honorarios do Couto Mixto

A semana pasada coincidiron no mesmo día e hora dúas celebracións arredor do coñecemento da memoria do Couto Mixto. Nun, a antropóloga Paula Godinho participou no ‘Congreso Internacional da Fronteira Hispano-Portuguesa: pessoas, povos e palavras’ cun relatorio titulado ‘Memoria do Couto Misto: fronteira, liminaridade e condiçao cosmopolita’; noutro, Mario García, deputado do PSC, de oríxes arraianas, concretamente de Randín, onde ten «casa aberta con fume», pedía o recoñecemento oficial do Parlament de Catalunya para o Couto Mixto.

O interese institucional espertado por un territorio fronteirizo que tivo unha estrutura xurídica e política semellante ao dunha república na que os seus moradores exercían o dereito do sufraxio universal para a elección dos seus representantes nun contexto xeopolítico dominado por monarquías absolutistas, xa fora con anterioridade obxecto de atención polos parlamentos, Europeo e de Galicia, Congreso de Deputados e Senado.

A historia daquela república arraiana que aniñaba no imaxinario popular dos seus habitantes foi descrita por primeira vez por Delfín Modesto Brandrón, o derradeiro xuíz-presidente daquela orixinal institución, titulada ‘Historieta sobre el Couto Mixto’ (1907). Posteriormente, analizouna e divulgouna Joâo Gonçalves da Costa na súa obra ‘Montalegre e Terra do Barroso’. Sen embargo, as investigacións de maior rigor histórico contextualizadas no período que vai desde a baixa idade media deica 1868, son da autoría de Luís M. García Mañá que publicou co título ‘Couto Mixto, unha república esquecida’.

O próximo 2 de xullo darase a coñecer a creación da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto,que aglutine a personalidades que formulen proxectos innovadores para todos os ámbitos

A raíz desta monografía histórica constituíuse a Asociación de Amigos do Couto Mixto que dinamizou a inspìración de moitos escritores e a publicación dunha obra diversa -histórica, antropolóxica, etnográfica e literaria- da que son autores, entre outros, Xosé L. Méndez Ferrín, Antón Riveiro Coello, Bento da Cruz, Antonio Lourenzo Fontes, Xosé Rodríguez Cruz, Paula Godinho, Suso Díaz, Máximo Salinas Valencia, Álvaro López Mira e o mencionado Luís M. García Mañá. A esta nómina sumáronse tempo despois a cantante Carme Penim con textos seus musicados, referidos a aquel espazo fronteirizo, e a fadista María do Ceo, autora da música do Himno do Couto Mixto con letra de Armando González López. 
Foi a Asociación de Amigos do Couto Mixto, como digo, a divulgadora do patrimonio cultural daquelas terras formadas polas freguesias de Santiago, Meaus e Santiago de Rubiás, percorridas polo Camiño Privilexiado que as une coa portuguesa de Tourém. En colaboración coas universidades de Vigo e Alto Minho celebráronse dous cursos monográficos hai ben anos; recuperáronse ademais as pinturas da sancristía da igrexia de Santiago agochadas baixo unha grosa capa de cal desde tempos inmemoriais. Presidindo o adro da igrexa colocamos un monumento elaborado en bronce do escultor José Molares, representando ao derradeiro xuíz e presidente do goberno do Couto Mixto, o aludido Delfín Modesto Brandón.

O próximo ano conmemoraremos o 155 aniversario da desaparición do Couto Mixto por mor da Lei de Lindes, que alterou a liña da fronteira, afectando aos pobos galegos de Cambedo, Soutelinho da Raia e Lamadarcos que se integraron en territorio portugués.
Tanto estes pobos como os que forman o histórico Couto Mixto están inseridos nun espazo territorial caracterizados por unha crise socioeconómica e demográfica alamantes.

Para mantermos encesas as reivindicacións económicas e sociais que se solicitan para aquel territorio arraiano, a Asociación de Amigos do Couto Mixto celebra anualmente un acto de rememoranza co nomeamento de ‘Xuíces Honorarios’, destinado a honrar a aquelas persoas ou entidades valedoras, que teñan demostrado interese por un proxecto de futuro con iniciativas innovadoras para a reactivación do espazo transfronteirizo.
Os ‘Homes de Acordo’,que así se chamaban os auxiliares do xuíz no organigrama do memoriado territorio, representando ás tres freguesías do Couto Mixto, ritualizarán un ano máis a apertura do arcón con cadansúa chave que custodian.

O próximo día 2 de xullo recibirán a vara de mando e as réplicas das tres chaves do histórico arcón no que se custodia o arquivo documental rescatado, dona Consuelo Castro Rei, Avogada Xeral do Estado; don Armando González López, autor da letra do Himno do Couto Mixto, e a cineasta dona Diana Gonçalves, directora dun documental sobre a fronteira. Ao tempo, darase a coñecer a creación da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto, que aglutine a personalidades que formulen proxectos innovadores para todos os ámbitos.

Comentarios