martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Franco Grande, na memoria do amigo

Cando morre un amigo, tamén morre algo de nós. As vivencias compartidas, se foron moitas, como é no caso de Xosé L. Franco Grande, tráenme á memoria algunhas delas. A primeira, cando o coñecín, no ano 1966. Foi na fundación Penzol. Estaba el traballando no seu dicionario. Tiña as fichas ordenadas en caixas de zapatos. Ocórreuseme a min mirar se tiña rexistrada a palabra ‘estada’. Sorprendeuse cando lle dixen que na miña parroquia de Teis chamábaselle asi aos andamios, e incluíuna no dicionario. Hai uns día recibín o seu derradeiro correo, respondendo a outro meu no que lle preguntaba como levaba o confinamento: "Moita lectura, moita música e escribo.Unha felicidade. Apertas, mozo".

Despois daquel primeiro encontro encadeáronse moitísimos outros. Algúns deles, inesquencibles, do outro lado do Miño, en terras portuguesas, polas que ambos os dous tiñamos moitas querencias. Nas demoradas sobremesas coñecín en profundidade a calidade humana e intelectual do amigo que foi fiel ao galeguismo desde os seus anos mozos cando estudaba en Santiago. Tiña unha memoria prodixiosa para relatar as intrahistorias do galeguismo. Falaba con moito respecto da xente que coñecera, aínda que non fosen da súa corda. Cando eran merecentes da súa admiración enfatizaba as cualidades humanas e intelectuais, pero con rigor. Admiraba del a súa retranca, malia ser un home de carácter reservado e rictus serio para os que non o trataban. 

A obra literaria de Franco Grande, sobre todo a poética, é excelsa e primorosa, onde a forma e o fondo foron traballados coa paciencia do orfebre. O ensaio era un xénero polo que tiña tamén moita predilección, proba delo son algúns libros que deberan ser máis lidos do que foron cando se editaron. 

Franco Grande era consciente da necesidade de saírmos dos ichós, nos que adoitan atopar acubillo os vaidosos, como a mellor maneira para conquistar outros espazos sociais. Por iso participaba da filosofía que promove o colectivo Galeguizar Galicia. El, xunto á súa inseparable María, gustaban estar presentes en todos os actos promovidos para galeguizar a sanidade, o ámbito xurídico ou a etiquetaxe dos nosos produtos. Carme Vaquero, coa súa sensibilizada que a caracteriza e o afecto que lle dispensaba, preocupábase de situalo nun lugar preferente. 

A fundación Lois Peña Novo promoveu a iniciativa para que o seu concello natal de Tomiño o declarase Fillo Predilecto, en 2011; e no 2016, en Redondela, organizou outra homenaxe, a única que se lle fixo en Galicia recoñecendo a importancia que tivo para moitas xeracións de galegos o Dicionario Galego-Castelán, tantas veces reeditado. Daquela homenaxe queda un monolito cunha caricatura de Siro nun espazo público da vila cun texto ben elocuente: "Gratitude a Xosé L. Franco Grande, autor do dicionario galego publicado en 1968, que nos fixo máis donos das palabras". A Irmandade Xurídica Galega distinguiuno coa súa insignia de ouro. 

Cando lle pedimos que participase cunha manda testamentaria na obra colectiva ‘En galego,agora e sempre’, publicada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, expresou a súa así: "É vontade do testador que os seus herdeiros teñan sempre presente, como o testador o ten, que os bens que aquí lles foron legados han servir da mellor maneira posible á nosa terra, na que el naceu, viviu e desexa morrer. E todos cantos papeis haxa no poder do testador ó seu falecemento, e que non fosen xa entregados por el a bibliotecas, fundacións ou academias, en especial a correspondencia, manda que sexa depositada, a dispor dos que queiran consultala, nalgunha das academias ou fundacións. E rógalles ós seus herdeiros que eduquen os seus fillos, como o testador fixo, no amor á lingua galega e á nosa terra, e que fagan o que poidan para que se sintan orgullosos de seren galegos e de teren como propia a súa lingua galega". 

Uns versos do seu poemario Xoguetes do tempo son premonitorios: "Agora ves que vas baixando a costa/que ao longo da túa vida/fuches subindo case sen sentilo/(a costa mesma foi a túa vida)".

Franco Grande, na memoria do amigo
Comentarios