martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

Franco enganado na Terra Chá

Co obxecto de demostrar ao ‘caudillo’ a excelencia milagreira da produción daqueles terreos (...) , plantaron de chantón uns fermosos repolos
O Arneiro desde lo alto del campanario. ANA AMADO//ANDRÉS PATIÑO
O Arneiro desde lo alto del campanario. ANA AMADO//ANDRÉS PATIÑO

Se tivesemos que definir algunha das características máis salientables da personalidade de Franco, ademais das que seguramente están na memoria de moitos dos españois que viviron baixo o seu réxime totalitario, a agudeza e a astucia serían, sen dúbida, algunha delas, condición acreditada na maneira de chegar ao poder, sen escatimar os medios máis cruentos, manterse nel durante 40 anos, e amañar a súa sucesión na xefatura do Estado, alterando, incluso, a liña sucesoria da tradición monárquica instituíndo como Rei a don Juan Carlos de Borbón. Malia a tales habilidades, na Terra Chá foi enganado coma un chino, expresión que non se trata dunha frase feita e moito menos dun sofisma, senón dun feito real contrastado polas testemuñas presenciais que viviron aquel arriscado acontecemento, o que trae causa da presente crónica.

Foi o 9 de setembro de 1958. Franco visitaba as obras da colonización agraria que se estaban executando por aquel entón en terreos dos concellos de Castro de Rei e de Cospeito, E mentres o caudillo visitaba A Chaira, dona Carmen Polo, que o acompañaba nesta viaxe, agardábao na cidade das murallas, adicada aos seus coñecidos mesteres, contribuíndo de tal xeito ao engrandecemento da patria e do seu enxoval doméstico. 

O itinerario elixido para a visita foi a actual estrada Rozas-Abadín, xusto na bifurcación que conduce a Castro de Rei; alí habilitouse un dos primeiros lotes familiares de dita obra, denominado casa piloto. O día anterior a tan rexia visita, os celosos operarios do Instituto Nacional de Colonización, seguindo as indicacións dos seus xefes máis inmediatos e suponse que estes as dos seus superiores xerárquicos, co obxecto de demostrar ao caudillo a excelencia milagreira da produción daqueles terreos transformados do breixo en pradeira e hortos, plantaron de chantón uns fermosos repolos, redondiños e ben pechadiños, colocados de tal xeito para que foran observados ‘prima facie’ polo invicto xefe do Estado pola graza de Deus e da pólvora. E así se consumou aquel feito doloso, saíndo Franco e os repolos no NO-DO de todos os cinemas de España.

Aquel feito propagouse como a pólvora en conversas e chanzas en todas as tabernas da Chaira, mais tivo que pasar máis dunha década para que algún valente cidadán tivese o atrevemento de denunciar publicamente aquela treta, feito que sucedeu no Centro Cívico do Matodoso o 14 de marzo de 1969, pois naqueles días desencadeouse un grave conflito no aínda feble sector leiteiro da provincia, xa que algunha das empresas que recollían este produto, da noite para a mañá, deixan de facelo, afundindo na desesperación á maioría das familias que vivían deste recurso, como era o caso da zona de colonización.

O fondo daquel problema non era outro có dunha manobra intimidatoria das empresas, xustificando aquela drástica decisión aos stocks de produción acumulada, debido ao exceso de volume de leite de importación subministrado por empresas nacionais, cando do que se trataba era de eludir a suba do prezo do leite. Unha argucia que aínda non ten desaparecido do libre mercado.

Para tratar de arranxar o problema, os gandeiros foron convocados para a data indicada no citado Centro Cívico pola Cámara Oficial Sindical Agraria (Cosa), da que era presidente o recén nomeado don Antonio Rosón, ao que acompañaban o secretario de dito organismo, señor Millán; presidente de Uteco, señor Portela; presidente do Sindicato de Gandeiría, señor Pérez Rosón (primo do primeiro); alcalde de Castro de Rei, señor Sinde Nieto; enxeñeiro xefe de colonización, señor Escribano Blesa, e outras autoridades xerárquicas que fixeron acto de presenza naquel acto. Naquela mañanciña marzal, unhas mornas raioliñas anunciaban a primavera, os gandeiros foron chegando cedo dende Trabada, A Pastoriza e doutros lugares da provincia, o ambiente era de carraxe e a preocupación reflictíase nas súas facianas, unha verdadeira manifestación de protesta, sen dúbida a primeira que se celebraba por mor do leite. 

Daquela non había tractores nin tractoradas, só rostros curtidos pola dureza do traballo e pola angustia do seu resultado incerto. Tampouco había sindicatos libres coma agora, eran verticais, artellados de arriba para abaixo, para que non houbese confusión entre os que mandaban e os mandados. Así era a chamada democracia orgánica.
A única taberna daquel recén creado pobo, a que aínda existe, foise ateigando á espera das autoridades. O viño fixo acto de presenza, unha especie de líquido desinhibidor que aínda se despachaba a xarras; unha boa maneira de afogar as penas e de plantarlles cara aos de colo duro e garavata.

O séquito de autoridades chegou á hora prevista, comeza o acto, o seu formato e estrutura era rigorosamente formal; don Antonio Rosón, vello leguleio, con don de xentes e fondo coñecemento do rural, dirixe e modera a cuestión sen dificultades, pois os únicos que falaban eran os de arriba. Mais no intercambio do uso da palabra dun dos oradores, escóitase entre os asistentes unha atronadora voz: "Ei! Agora tócame falar a min, o dos repolos", Eliseo (q.e.p.d.), un veciño do Matodoso, seguramente un dos que entrara na taberna a probar o desinhibidor. 

A este valente espontáneo, o primeiro que lle toca é a visita da parella da Garda Civil, alí presente, pero a magnanimidade de don Pérez Rosón que se decata do feito, interpela aos da Benemérita para que lle deixasen falar, e a pesar das circunstancias concorrentes non se bota para atrás e comeza a súa disertación facendo ostención da súa humilde estirpe para seguir dicindo: "Señores aquí sempre pagamos os mesmos, os pobres. A nós enganáronnos, cando viñemos para a colonización, dixéronnos que era unha cousa moi distinta e agora é a nosa ruína, pero pouco se podía esperar desta xente, porque son os mesmos que enganaron a Franco plantándolle os repolos de chantón".

Este incidente quedou recollido no xornal El Progreso da época, aínda que non fai mención do asunto dos repolos. Vaia, pois, esta crónica como recoñecemento e homenaxe a aquel gandeiro que tivo a coraxe de dicir o que moitos pensaban, rachando aquel vello aforismo que nos deixou Castelao: "Galiza non pide. Emigra".

Franco enganado na Terra Chá
Comentarios