Opinión

O rural de hoxe

Inicio con este unha serie de artigos sobre o rural coa esperanza de que sexan útiles nun debate que será inevitábel. Pero non quero seguir adiante sen antes agradecer a este xornal (el progreso) a oportunidade que me da para facelo.

Bastante xente pensa que actualmente o mundo rural en Galiza só son os restos do que foi en épocas anteriores. Outras persoas cren que está condenado á extinción sen máis. Pero eu non comparto estas ideas. O que ocorre, ao meu entender, é que temos a imaxe do mundo rural que coñeciamos sen caer na conta de que a día de hoxe probabelmente teña perdido algunha ou moitas das características que o definiron no pasado. Non obstante, iso non impide que siga estando vivo e tendo moita importancia, aínda que neste momento pode ter xa unha estrutura diferente. 
Os datos que vou dar a continuación son elaboración propia. Eu estimo que a xente que vive no rural galego pode oscilar entre 35% e 48% da poboación total dependendo dos criterios que se utilicen para definir que é rural. En todo caso, é unha porcentaxe claramente superior á da maioría dos países do noso contorno e á da maioría das comunidades autónomas. O elevado peso da poboación rural continúa sendo unha das características que fan que Galiza sexa diferente. 

Estimo que a xente que vive no rural galego pode oscilar entre 35% e 48% da poboación total dependendo dos criterios que se utilicen para definir que é rural

Si nos centramos nas persoas que viven no rural e que ademais teñen un traballo, sorprende que a porcentaxe das mesmas que están ocupadas oficialmente no sector agrario sexa bastante pequena. Pode oscilar entre 18% e 28%, mentres que do 72 % ao 82 % restante traballa ben na administración ben noutros sectores produtivos (servizos, construción, industria ou pesca). 

En función dos datos anteriores, pódese dicir que no medio rural se asenta unha grande parte da clase traballadora galega. O seu centro de traballo habitual talvez estea nas cidades ou vilas, pero no medio rural teñen a súa residencia e ademais, en maior ou menor medida, tamén cultivan a terra, maioritariamente en pequenas parcelas, crían animais e participan na xestión do territorio. 

Da importancia que ten este tipo de agricultura pode dar unha idea o seguinte. As sete comarcas que teñen por cabeceira algunha das cidades galegas dispoñen dunha Superficie Agrícola Utilizada (SAU) que sumada só representa o 15% do total de Galiza. Non obstante nestas sete comarcas, no seu conxunto, cultívase o 30% das hortalizas e froiteiras que se cultivan en todo o país e o 21% do viñedo. A SAU da comarca da Coruña, por exemplo, apenas representa o 1 % do total galego, pero nela cultívase o 4% das hortalizas que se producen na nosa terra e o 5% das froiteiras. 

Quero deixar dúas reflexións para rematar. A primeira: de cara ao futuro haberá que analizar o papel do medio rural como residencia de profesionais e outras persoas con traballos que permiten ser realizados a distancia desde o propio domicilio. A segunda: non me esquezo que no medio rural por suposto tamén se asenta o sistema agrario galego. Mais para falar del será necesario outro artigo.

Comentarios