Opinión

Vítimas

ALGO DEBE estar a facerse mal para que cada vez que salta á luz un caso de violencia de xénero se abra o debate sobre se se está a dar unha axeitada asistencia ás vítimas e se hai dabondas medidas para previr os asasinatos de mulleres. España ten desde 2004 unha lei sobre violencia de xénero que veu reforzar as medidas para protexer as mulleres que denuncian o maltrato e que, malia os abusos que se poidan ter cometido ao seu amparo, serviu para implantar protocolos de actuación diante dun problema que cada ano deixa máis de medio cento de mortes en España. Está claro que ningunha norma nin xuíz van determinar que un home sexa un potencial asasino da súa parella e, como moito, só se poden aplicar medidas cautelares de alonxamento ou condenas para os casos de agresións. Pero o que si se pode é, por exemplo, incrementar as medidas de control dos agresores, mesmo a través das novas tecnoloxías, porque, ao igual que hai aplicacións móbiles para saber onde están os amigos, non será tan difícil que a Policía saiba a través do GPS se un home está a vulnerar a orde de alonxamento da súa exparella. A crise e os recortes tamén impediron ofrecer saídas dignas ás vitimas sen recursos para afrontar a separación do seu agresor, polo que, ao igual que ocorre con outras leis como a de dependencia, por moi boa intención coa que se redacte, debe ter dotación económica e vontade de aplicala.

Comentarios