Opinión

Venezuela

SERÁ QUE lle temos un especial cariño a Venezuela, do que ata a chegada de Hugo Chávez ao poder só oiamos falar nos telexornais cando unha nativa gañaba Miss Mundo, que non paramos de ver novas sobre o que alí acontece.

É verdade que sempre foi un destino moi visitado por españois, primeiro para saír da miseria que aquí atopaban e, cando nos foi mellor, para solazarse nas súas praias. Pero agora que se sabe que o Goberno boliviariano financiou proxectos políticos emerxentes que ameazan aos partidos tradicionais de España, cada vez que se achegan unhas eleccións esta excolonia convértese en epicentro da actualidade mundial.

Porque Venezuela ata acapara as portadas que debería ter a vergoñenta situación que se vive aquí ao lado, con centos de refuxiados morrendo afogados no Mediterráneo. Deste drama, que non recibe visitas de expresidentes nin candidatos mediadores, xa só nos acordamos para amosar imaxes de familias chegando a España, un país que ata agora só deu acollida a uns centos das 16.000 persoas que se comprometera a traer desde os campamentos en Europa.

Venezuela, sumida nunha crise económica e política amplificada por propios e alleos, terá máis doado saír adiante cando comece a notar a suba do prezo do petróleo. Porque se os seus cidadáns esperan que lles resolvan algo desde a antiga metrópoli, van listos.

Comentarios