Opinión

A tele

NUNHA CONVERSA informal, o concelleiro lucense Carlos Portomeñe confesa que na súa casa non hai televisor, ese aparello que dende a irrupción nos fogares nos anos setenta serviu para xuntar ás familias, ata que a chegada das canles privadas primeiro e internet despois acabaron por rachar esa entrañable e ás veces conflitiva escena grupal. Porque o parte ou a novela sempre tiveron un estatus que os debuxos nunca chegaron a conseguir e se cadra por iso os primeiros en fuxir do salón foron os máis cativos. Pero aínda que o concelleiro poida parecer un bicho raro, o certo é que a televisión xa non a consumimos do mesmo xeito. Primeiro porque aínda que os audímetros cheguen a calcular que hai varios millóns de persoas vendo a uns rapaces correndo detrás dun balón, o certo é que nese tempo moitos deles están argallando unha ocorrencia que mandar polo teléfono móbil ou a tablet. As televisións de última xeración ou o abaratamento da conexión por cable tamén están levándonos cara outro xeito de estar diante das pantallas, porque agora podemos estar pendentes de ata tres, e por iso o seguinte reto para os xeradores de contidos vai ser o de tentar captar a nosa atención no dispositivo que cadre. Por iso non creo que acabe mandando o televisor ao desván como fan outros, senón que cada vez lle vou esixir máis, polo menos cando non o use de eficaz somnífero.

Comentarios