Opinión

Tarabelos

OS MEUS colegas da televisión teñen un truco que poucas veces lles falla para cando queren ter declaracións dun veciño sobre unha nova ocorrida na súa vila ou pobo. Sempre lles entran primeiro ás señoras con mantelo e aos homes que levan pucha ou locen bigote, porque se ve que son os máis botados para diante. Coido que un experto seguro que tería un argumento para apuntalar esta teoría e que se cadra podería basearse en que aquelas persoas máis extravertidas non son dadas tampouco a pasar desapercibidas coa súa imaxe. Pero o caso é que os que temos a timidez a flor de pel sentimos certa admiración por todas aquelas persoas ás que lles gusta chamar a atención, ben sexa coa súa forma de vestir diferenciada, co seu falar vehemente ou por non ter dó en contarlle ao mundo detalles da súa vida persoal que, no noso caso, nunca traspasarían a porta da casa. A televisión espectáculo ou as redes sociais están sacando á luz moita xente de pucha e mantelo que se ven diante dunha oportunidade única para amosar o encantados que están de coñecerse. Agradecidos como estamos nos medios de comunicación de contar historias humanas, porque son as que máis captan a atención do público, o lóxico sería animar a todo canto veciño queira diseccionarse a tirar de bisturí, aínda que tampouco está de máis recordar aquel sabio refrán de que ‘quen calar non sabe, falar non debe’.

Comentarios