Opinión

Símbolos

NON ME gustan os símbolos nin as bandeiras. Será porque fan a un posicionarse, ás veces sen pensalo moito, e cando logo queres borrarte, sempre sae un iluminado a tratarte de traidor. Tampouco creo que fagan mal a ninguén, a menos que os que os usen tenten impoñérllelos aos demais. Aínda así, son consciente de que hai simboloxía que xera dor, malia que teñan pasado moitos anos desde que desapareceran os seus inspiradores. Alemaña foi quen de eliminar toda canta imaxe puidera ofender aos supervivintes ou aos familiares das vitimas dos campos de exterminio nazis, unha medida que seguramente non serviu para aliviar o padecemento, pero que retrata a intención dun pobo por superar o episodio máis noxento da súa historia. En España tiveron que pasar trinta anos para que o Goberno se decidise a facer memoria e mudar a paisaxe urbana, obrigando a retirar vestixios dun pasado de gañadores e indignos. Algúns gobernantes fixéronse os preguizosos á hora de aplicar esa lei da memoria histórica e por iso cada vez que se fai algún movemento xorde a polémica, como está a ocorrer en Madrid coa retirada de monumentos ou co cambio na nomenclatura das rúas. Como dixen, non son de símbolos nin bandeiras, e por iso tanto me ten un xugo ca unha fouce, pero se alguén me convence de que ver un diante lle fai dano, ata axudaría a desmontalo.

Comentarios