Opinión

Sentimento

PARA MARTÍNEZ, o alcalde de Becerreá que quixo ser presidente da Deputación de Lugo «porque yo lo valgo», ser socialista «é un sentimento», algo así como ser do Atlético de Madrid, e engade que non llo van quitar por moito que o boten do PSOE. O caso é que o martes consumouse a súa expulsión do grupo provincial logo de ter protagonizado xunto co seu partido en Lugo uns meses de espectáculo do que se aproveitou o PP e, en especial, Elena Candia, coa que se reúne nas gasolineiras para preparar os plenos nos que o de Becerreá consuma as espantadas dos ata agora camaradas. E se cadra por iso o conto do sentimento soa tan crible como cando Cristiano Ronaldo bica o escudo do Real Madrid ao meter gol, mentres o seu axente sondea equipos europeos para que Florentino lle suba a xa millonaria ficha. Sentimento socialista se cadra é o que tiña meu avó Elías, que tras pasar en silencio 40 anos de ditadura vino emocionarse cando Felipe González gañaba as eleccións de 1982 coas siglas do partido no que militara na República. Malia e todo, Martínez si que ten dereito a estar cabreado con esa «terceira xeración» de dirixentes do PSOE á que culpa de botalo e que nos últimos meses fixo unhas manobras propias de axente de futbolista para poñerlle diante o caramelo da presidencia da Deputación sabendo que o BNG non o ía aceptar. Pero ese sentimento do alcalde ten outro nome: frustración.

Comentarios