Opinión

‘'Sé fuerte’'

OS COMPI yoguis son todas esas amizades que te poden sacar dun apuro, fan favores ou facilitan o acceso rápido atallando a burocracia institucional e que saben que nós fariamos o mesmo por eles se se dese o caso. Por iso a ninguén lle debe estrañar un ‘sé fuerte compi yogui’, porque, ante a dificultade, a mensaxe de ánimo é o mínimo que se espera dunha amizade de tal calibre. Cada vez que se levanta o segredo de sumario dun caso de corrupción, os ‘'sé fuerte'’ convértense en trending topic nos servizos de mensaxería persoal, sen distinción de rango, sexo ou conta corrente en Suíza; e son eses ánimos dos compi yoguis os que ao imputado/investigado lle serven para decatarse de que aínda non é un apestado na elite. Malia que os papeis que salten á luz pola investigación xudicial saquen as cores á sociedade por como se xestionaron os cartos públicos ou alleos, os compi yoguis saben que iso é o normal, que o fai todo o mundo, pero que a eles os pillaron co carriño do xeado. Podo imaxinar como lle pode reconfortar esa mensaxe de ánimo a un investigado, a quen se lle vén o mundo enriba ao pensar na pena de telediario, na man na testa para metelo no coche policial, na minuta dos avogados, nos insultos á porta do xulgado ou nas miradas acusadoras no club de golf. Por iso non se me ocorre outra que dicirlle a todos os xuíces: «Sexan fortes, señorías».

Comentarios