Opinión

Protestas

UN TITULAR recurrente dos medios de comunicación para describir as mobilizacións que logo de cada verán acostumaban convocar os sindicatos era aquel de ‘Avecíñase un outono quente’. Agora que semella que xa imos ter presidente esta fin de semana e goberno na seguinte, os sindicatos, partidos de oposición, cidadáns indignados, colectivos de afectados e demais familia xa poden comezar a saír á rúa a protestar, porque xa hai contra que.

O limbo que durante dez meses caracterizou a política española e a repetición das eleccións fixo que o ruído de fondo dos políticos impedise escoitar os problemas da xente, que agora agromarán unha vez se recoloque cada un no seu posto. Aínda que a primeira gran mobilización está convocada para hoxe por estudantes e anpas para protestar contra as reválidas da Lomce, Podemos parece que vai aproveitar a decepción duns e o cabreo doutros pola reelección de Mariano Rajoy para alentar unha folga xeral, aínda que de momento a proposta non parece ter eco nos sindicatos. Unicamente a UXT admitiu hai días por boca do seu líder, Pepe Álvarez, que convocaría unha folga se se toca o sistema público de pensións, aínda que semella que mentres non se esgote o peto feito nos anos de vacas gordas, que durará polo menos un ano máis, seguramente ninguén fará movementos. Así que o único outono quente que temos por agora é polo anticiclón.

Comentarios