Opinión

Peterpanes

A RAÍÑA de Instagram, a rede social por excelencia do postureo, acaba de anunciar que marcha porque di, aos seus 18 aniños, que iso non é a vida real. A modelo australiana Essena O’'Neill chegou sen embargo a esa conclusión logo de acadar popularidade e tamén ingresos por publicidade por esas instantáneas idílicas que ten subido á rede. Como a vida mesma dunha ‘'celebrity'’. Aínda que seguramente non tardaremos en volver saber desta rapaza a través dalgunha outra rede social, quédome coa intencionalidade do seu anuncio, xa que tenta facerlle ver aos mozos as contradicións que pode xerar iso de ir facéndose unha imaxe pública a base de falsear o día a día con fotos retocadas e mensaxes autocompracentes. Porque aínda que o optimismo que rezuman moitos comentarios e imaxes que se ven en internet non ten por que ser contraproducente, construír un universo no que nunca hai caras engurradas nin contratempos nin problemas non é o mellor xeito de encarar a vida, por moi ben que lles poida ir a algúns. O toque de atención da modelo australiana, que terá máis efecto seguro que se o dera o mesmo Obama, o que debe levar aos pais e educadores é a decatarse da importancia que ten o manexo destes medios de relación social aos que acceden os rapaces sen saber como usalos. Máis que nada para non ter o día de mañá unha xeración de peterpanes.

Comentarios