Opinión

Pataquiñas

NON VAI ser esta a crise da pataca irlandesa, que a mediados do século XIX provocou fame e emigración nese país por mor dunha praga que acabou cun sistema de subsistencia dos labregos que tiñan este tubérculo case como único alimento. Agora a couza guatemalteca non ameaza con ser tan destrutiva para os galegos neste século XXI globalizado, no que polo menos en Europa temos garantidas as necesidades básicas. Sen embargo, a pequenos horticultores e tamén a moitos labregos, almacenistas ou distribuidores vailles doer sobremaneira a inminente prohibición de sementar patacas en 31 concellos da zona norte de Galicia, 18 deles de Lugo. E non é que a produción do tubérculo nesas zonas sexa fundamental para a súa economía, pero imaxino a eses fogares de xubilados ou familias que chegan a fin de mes co xusto e nos que a pataca da casa é insubstituíbel no prato de cada día, por non falar do trasego de sacos entre achegados logo dunha colleita. Porque a pataca, xunto coas fabas subideiras, os grelos, as cabazas ou calquera hortaliza que aínda se cultiva en Galicia de xeito artesanal non só van á ola propia, pois tamén son un instrumento socializador e de autoestima do que as produce. Non creo que a praga, como xa din os máis agoireiros, vaia ser a puñada definitiva das aldeas, pero si que vai deixar tanto baleiro nos cabazos como dentro desa xente que porfía que proben as súas pataquiñas.

Comentarios