Opinión

A partida

OS ESPAÑOIS parece que non teñen moitas ganas de volver votar, por moito que se empeñen os deputados aos que acaban de elixir hai pouco máis de dous meses. E non porque ir depositar papeletas nunha urna un domingo calquera sexa un sacrificio, pero cando o que se busca é volver consultar ao pouco tempo sobre algo do que a xente seguramente ten reflexionado dabondo, semella unha tomadura de pelo. As enquisas que de cada pouco nos trasladan os medios de comunicación sobre o que podería pasar se tivesemos hoxe de novo eleccións xerais, o que veñen a confirmar é que eses partidos que levan todo este tempo xogando a súa partida de xadrez van ter un reparto similar de escanos que os vai condenar a ter que entenderse algún día. E tampouco creo que haxa que cambiar o sistema para que nunha segunda volta se elixa ao gañador, porque o único que se conseguiría é un presidente cunha maioría feble, que tería que gobernar a golpe de decreto e pode que con leis impostas polo Congreso que o poderían maniatar. Aínda hai partida ata que se cumpra o prazo para que se convoquen novas eleccións e se cadra os protagonistas estarán ata o derradeiro minuto esperando a facer unha xogada arriscada e pode que gañadora. Pero se alguén decide que haxa tablas e se volva empezar, que ninguén se estrañe se o electorado, canso de tanta xogada, ese domingo fai outros plans.

Comentarios