Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Os deportes

VEXO UN noticiario deportivo arrancar coa nova de que uns seareiros radicais chipriotas sementan o «pánico» á entrada dun partido de fútbol en Bilbao e, na seguinte información, o madridista Sergio Ramos recibe un grupo de afeccionados aos que lles dá as grazas logo do seu apoio tralos insultos recibidos no estadio do Sevilla. Ata aí todo normal, se non fora porque eses mesmos seguidores merengues lle entonan unha canción ofensiva cara os «indios» (os eternos rivais atléticos) e na que recordaban como ese xogador os deixou sen unha Champions cun gol no minuto 93.

Aínda que penso que ningún deses actos protagonizados por seareiros merecería máis dunha liña na crónica deportiva, os medios de comunicación están cada vez máis afeitos a destacar a anécdota, algo que o exbarcelonista Dani Alves acaba de definir nunha entrevista como «periodismo de barra de bar. Periodismo de redes sociais».

Logo de anos nesta profesión e como afeccionado aos deportes, coñezo e sigo bos xornalistas deportivos e, malia que poida que as tendencias editoriais se estean escorando cara o que cita Alves no seu amargo lamento, a selección de contidos por parte do espectador tamén ten moita culpa das tendencias. Porque aínda que un histriónico parladoiro si pode compararse cunha conversa de bar, hai outras fontes nas que buscar novas e non só anécdotas para forofos.

Os deportes
Comentarios