Opinión

O xusto

NA SOCIEDADE da información nosa, que grazas a internet tamén derivou nunha certa intoxicación informativa, os consumidores temos cada vez máis ferramentas para mercar e incluso para poder coñecer onde, como e quen fabrica o que estamos a adquirir. As empresas multinacionais levan décadas deslocalizando a produción en países con soldos baixos, traballos a media xornada de 12 horas e sen lexislación para evitar a explotación infantil. A golpe de clic podemos conseguir en tendas online que en poucos días nos acheguen á casa calquera deses produtos que rara vez pasan controis de calidade, malia que a rebaixa fronte ao que podemos atopar na tenda da esquina e coa etiqueta da UE convence a moitos cidadáns co peto roto pola crise. O consumidor non ten sen embargo excusas para non actuar de xeito responsable e por iso iniciativas como o comercio xusto axudan a concienciarnos do papel activo que podemos ter cando imos ao supermercado para acabar con esas prácticas que benefician a uns poucos. Porque xa non se trata só de defender aos produtores autóctonos, senón de axudar a eses pobos explotados mercando, con un prezo superior se cadra, uns artigos que se nos garante que non foron elaborados en condicións que non quereriamos para nós nin para o noso país. Porque como di o eslogan dunha campaña, para facer café non fai falta que acabe moído ninguén.

Comentarios