Opinión

O motorista

OS ANUNCIOS louvantes que está a facer o PP de Lugo para xustificar remudas de alcaldes nas vindeiras candidaturas ao Congreso e o Senado, nos que se di que os rexedores queren centrarse a partir de agora en «dedicarse en exclusiva as sus vecinos», fanme recordar non sei por que aquelas mensaxes que levaban os motoristas de Franco aos ministros para comunicarlles a destitución. Pouco se sabe daquelas cartas, malia que algúns pode que as chegaran a comer logo de abrilas, pero o que era seguro é que os que as recibían sabían que o seu percorrido político quedaba trancado. De feito, tan só houbo un ministro capaz de sobrepoñerse a aquela visita do motorista, o león de Vilalba Manuel Fraga, que rexurdiu das cinzas e só puido con el moitos anos despois un petroleiro descontrolado. Coa chegada da democracia, os motoristas foron substuídos por comunicados empalagosos nos que, ademais de agradecer os servizos prestados como facía o Generalísimo, se tenta convencer ao cidadán de que son os interesados os que renuncian por iniciativa propia a uns postos ben remunerados e sen máis compromiso có de acertar a premer o botón correcto nas votacións. Franco enviaba os motoristas porque non quería verlles a cara aos cesantes e se cadra agora os dirixentes dos nosos días avisan aos afectados vía whatsapp, que é un xeito tan displicente pero menos contaminante de finiquitalos.

Comentarios