Opinión

A miña aposta

A PRIMEIRA vez que vin en televisión a ese rapaz de aceno tenso e ben parecido foi na tertulia matutina de Cuatro que dirixía o defenestrado Jesús Cintora. Mantiña día si e día tamén debates para ver quen era máis de esquerdas con Pablo Iglesias e Alberto Garzón. Calquera dos dous comíalle as papas ao tal Pedro Sánchez, que pouco despois daba o paso para disputarlle a secretaría xeral do PSOE a Eduardo Madina, desaparecido xa mesmo da escea parlamentaria trala debacle socialista. Foi quen de gañar ese pulso, pero grazas a unha Susana Díaz que xa amosaba por debaixo da porta as súas intencións de ser a primeira muller presidenta do Goberno de España. Os resultados nas contendas electorais deste ano que remata non fixeron máis que reafirmar a idea de que o PSOE segue a ter a súa base electoral e por ende o poder de decisión en Andalucía, e se cadra por iso vexo hoxe en día a Pedro Sánchez máis perdido que naqueles debates mañaneiros. Aínda así, penso que o socialista agora mesmo é o candidato con máis posibilidades de presidir o vindeiro Goberno, malia que de conseguilo pode ser un mandato tan efímero e convulso como o de Leopoldo Calvo Sotelo. A esquerda, por moi federalista, nacionalista ou independentista que sexa, vexo moi difícil que permita a investidura de Rajoy ou calquera componenda pola dereita. Esta era a miña aposta hai meses e sígoa mantendo. Claro que de gañala será case unha pedrea.

Comentarios