Opinión

Medo

A ASOCIACIÓN da Prensa de Madrid emitiu un comunicado de amparo a un grupo de xornalistas que cubre a información de Podemos que, noutras circunstancias, sería inquedante, se non fose porque, ate o de agora, esa formación só ten capacidad para intimidar de boquiña, xa que, malia que goberna en concellos e nalgunha autonomía, está aínda lonxe de influír nos grandes resortes do poder deste país: a banca, as empresas do Ibex ou a Igrexa. 

Aínda así resulta chamativo que xornalistas que cubren información parlamentaria -seguramente a menos problemática da profesión- teñan que pedir axuda a un órgano colexiado diante do que, segundo o descrito pola APM, aseméllase máis a unha campaña de acoso propia dun grupo de ultras ca dunha formación política con más de cinco millóns de votantes.

Non vou deixar desde logo de apoiar a eses compañeiros amedrentados, porque nin siquiera os seus medios foron quen de saír a defendelos e tivo que facelo unha asociación de xornalistas, pero seica os insultos de trolls en Twitter, as palabras malsonantes por teléfono de aludidos ofendidos ou os desprantes de políticos molestos por unha opinión van nese soldo cada vez máis castigado pola crise do sector. Pero outra cousa é o medo que si que teñen padecido e padecen neste país e fóra outros xornalistas ameazados e non precisamente por mozos de coleta e rasta con gañas de facer carreira política.

Comentarios