Opinión

Medo

LOGO DE escoitar moitas declaracións, recomendacións, ameazas e ultimátums que nos últimos días lle estiveron lanzando aos cataláns de cara ás eleccións-referéndum do vindeiro domingo xa me quedou claro cal dos bandos ten o medo no corpo. E por iso entendo tamén a medida de última hora, se cadra promovida por algún ministro de Rajoy, na que o arcebispo de Valencia, Antonio Cañizares, chamou aos fieis da diocese a «rezar por España y su unidad», e que non sei como lles sentaría aos católicos que non gustan de frivolizar con algo tan íntimo como é a oración. Pero o que non chego a entender logo de tanto debate é por que se hai unha Catalunya que desata tanta xenreira fóra das súas fronteiras, sobre todo na capital do Estado, aínda haxa quen pense que ese sentimento non acabaría por ser recíproco, provocando un estourido antiespañol. E por iso me pregunto se non sería mellor ter atallado o problema antes con reformas constitucionais e sen tanta condescendencia cos nostálxicos da España unha, grande e libre. Pode que aínda non sexa tarde para o diálogo, pero se dos resultados do domingo se trasluce que unha maioría de cataláns non quere ser español, pensar que a forza ou o medo serán as únicas armas que quedarán para manter a unidade de España resúltame inquedante, porque este país aínda non curou as feridas de 40 anos de terrorismo independentista. E se triunfa esta última posición, si que habería que pensar en poñerse a rezar.

Comentarios