Opinión

Mariano

MARIANO RAJOY acaba de decatarse de que hai vida detrás do plasma e logo de varios meses reflexionando en funcións decidiuse a saír a esa escena pública na que non só hai tiralevitas e escribas laudatorios. Nunha campaña coa que pretende demostrarlle ao socialista Pedro Sánchez que hai partido, o presidente do aínda Goberno está a desfilar por diferentes medios de comunicación para que lle pregunten o que proceda, pero baixo a premisa de que respostará o que lle pete. Incluso Rajoy vaise someter esta semana ao terceiro grao que lle preparou Jordi Évole, o secundario folloneiro reconvertido a xornalista mordaz e que non deixa indiferente a ninguén cada vez que agarra un tema escabroso. Mentres o líder do PP esperta do letargo iniciado tralo 22-D, o seu rival celebra hoxe outra xuntanza co líder de Podemos na procura dun acordo que lle dea a presidencia e que evite ter que chamar ás urnas aos españois en xuño. A única esperanza de Rajoy a día de hoxe é esa nova cita electoral, porque sabe que agora mesmo é a peor parella para o baile da gobernabilidade. De chegar ata alí, poderá saír dese calexón no que se atopa, con voces no PP que piden o autosacrificio, coa mesma sensación de indolencia que a amosada logo da labazada que lle espetou un rapaz en Pontevedra. Por certo, un xesto este último que logo de velo un amigo meu o decidiu a ilo votar. Se algo ten claro Mariano é que hai que ser forte.

Comentarios