Opinión

Marea

MAREA É a palabra do ano en Galicia, onde as coalicións de esquerdas que xa funcionaran nas autonómicas de 2012 recibiron o impulso do fenómeno político Podemos nas municipais de maio e a consolidación nas xerais do domingo. Quenes patronean esta singladura teñen a partir de agora o reto de administrar o éxito, algo tan difícil como ter posto dacordo a forzas nacionalistas e federalistas, e preparar a folla de ruta para tentar a marea definitiva nas autonómicas de 2016. Non lles será doado, porque algúns dos socios que integran este movemento, como Esquerda Unida, teñen un sector crítico que aposta por manter a identidade propia, mentres que o opoñente natural, o minguado BNG, debe decidir se opta por erguer novos diques de contención, como o derrubado Nós, ou se deixa levar polas ondas que o domingo ata remontaron o Miño ata Ourense e Lugo. Como moitos proxectos anteriores de unión das esquerdas, o da Marea pode ser efémero, pero o caso é que de momento xa lle fixo cambiar o paso a Feijóo tras as municipais, cunha crise de goberno na Xunta que de momento non surtiu efecto. Mentres, no PSdeG semella que algún non quixo entender a mensaxe e mesmo se autodenomina como «segundo partido en Galicia», malia ter obtido 60.000 votos menos cá coalición de esquerdas, e de seguir así poden acabar coma os afogados aos que leva a marea por ter máis valentía que forza.

Comentarios